Pontón exixe en Bruxelas compensar Galiza na transición enerxética

Reclama que os fondos cheguen a quen os precisa
Ana Miranda, Elisa Ferreira e Ana Pontón, en Bruxelas. (Foto: Delmi Álvarez) #bruxelas #bng #comisióneuropea #anapontón
photo_camera Ana Miranda, Elisa Ferreira e Ana Pontón, en Bruxelas. (Foto: Delmi Álvarez)

Bruxelas acolleu esta terza feira unha xuntanza entre a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a comisaria europea de Cohesión, a portuguesa Elisa Ferreira, a quen a nacionalista trasladou as necesidades da Galiza e as prioridades que estima que deben terse en conta á hora de distribuír, xestionar e aplicar os fondos de recuperación económica, incluídos os Next Generation.

Na reunión, na que tamén participou a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, Pontón defendeu catro cuestións "chaves" para o país". 

Así, a nacionalista falou de "xestión descentralizada dos fondos -é dicir, que se xestionen desde a Galiza e non desde Madrid-, que cheguen ao tecido produtivo real, pemes e autónomos; trato preferente para a Galiza nas partidas de transición enerxética para minimizar o impacto da descarbonización, e reforzar servizos públicos e sociais".

"E todo isto baixo unha premisa: que os fondos non se vinculen "a ningún tipo de recorte", engadiu.

“Estamos nun momento de transformacións profundas e é importante que a Galiza reciba un trato xusto para enfrontar con garantías os desafíos de futuro e ese é o obxectivo das propostas trasladadas á comisaria de Cohesión", explicou a nacionalista após o encontro. 

Pontón trasladou ademais a satisfacción por compartir coa comisaria a importancia das relacións entre a Galiza e Portugal.

Comentarios