Pontón envía por carta a Feixoo medidas para defender a pesca e o marisqueo

Ante os efectos da crise actual na pesca e no marisqueo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, enviou unha carta ao presidente da Xunta con medidas urxentes para defender estes sectores, tales como decretar o "peche" do marisqueo por causa de forza maior, aprobándose ao mesmo tempo compensacións e axudas; e o estabelecemento de medidas de seguridade nos barcos que saen a faenar.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Imaxe: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, enviou esta quinta feira, 2 de abril, unha carta ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, onde o insta a tomar medidas urxentes para protexer o sector da pesca e do marisqueo, ante as dificultades polas que está a pasar por mor da crise económica e social causada pola pandemia do coronavirus.

Cinco son as medidas que o Bloque formula a Feixoo. A primeira é decretar o peche do marisqueo por causa de forza maior, estabelecendo compensacións ao sector.

Na segunda ínstase a Xunta a pór en marcha medidas que garantan a seguridade nos barcos que saen faenar e aseguren unha saída comercial do peixe que se descarga nas lonxas galegas.

En terceiro lugar, o Bloque pide a Feixoo que inste o Goberno español a rebaixar o umbral para poder acceder ás axudas por peche, xa que co actual, situado en 75%, “moita xente quedará fora a pesar de en marzo ter perdas moi importantes e a pesar de que en abril vaia ter cero ingresos”, dixo Pontón.

A líder nacionalista tamén demanda nesa carta axudar as confrarías, polo que considera que a Xunta “debería pór en marcha axudas a ese ámbito”.

En quinto lugar, Pontón reclama que se realicen “as modificacións que sexan necesarias para axilizar os usos dos fondos da Unión Europea, o fondo marítimo e da pesca, para facer fronte a esta situación”, segundo expuxo esta quinta feira en rolda de prensa.

Antes da comparecencia virtual aos medios, a voceira do Bloque mantivo un encontro con cinco representantes do sector e a deputada nacionalista Montse Prado. Pontón explicou nesa reunión que a situación en que se atopa o sector, como consecuencia da crise sanitaria, é "crítica" "Compartimos a preocupación, non hai mercado para estes produtos.

As vendas que teñen, son irrisorias, e con prezos tan baixos que non é sostíbel manter a actividade", constatou a dirixente nacionalista, que avisou de que isto "afecta moitísima xente deste país", con 6.600 persoas só no ámbito do marisqueo, "que viron como caeron os seus ingresos ao non haber actividade". Tamén alertou de que no ámbito pesqueiro "é moi difícil" manter a seguridade a bordo dos barcos, xa que é complicado tomar "as distancias de seguridade e son case imposíbeis as medidas de protección adaptadas ás condicións do mar".

Caída da venda e dos prezos

A portavoz do BNG salientou tamén que o peixe que se descarga nas lonxas "mantén prezos moi baixos", co que caeron as vendas e algunhas pecharon por falta de actividade, ao non haber mecanismos de distribución. Por todos estes motivos, avisou da situación "crítica", cunha "caída da actividade moi forte" e con "consecuencias económicas e sociais moi graves". "Non se pode deixar caer un sector tan importante na economía da Galiza como é o sector do mar", aseverou. Ante esta situación, Pontón repetiu a súa petición á Xunta e ao Goberno central para que "actúen" e dean unha "saída social" a este sector. "Debemos garantir unha saída social aos mariñeiros, á xente do marisqueiro, que en moitos casos xa tiñan unha situación crítica, e que agora se agudiza coa situación do coronavirus", remarcou.

Miranda critica a parálise da UE perante a crise

Esta quinta feira a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, urxiu á Comisión Europea a impulsar unha actualización diaria de toda a poboación afectada pola COVID-19 co obxectivo de dar unha resposta sanitaria, social e económica á pandemia. Miranda criticou a falta de datos globais de todos os Estados membro afectados pola emerxencia sanitaria e a súa “falta de ambición”, poñendo de relevo a falta de previsión loxística e estatística da Unión Europea, que dificulta a solución coordinada a crise. A Comisión Europea debería instar á Oficina Estatística das Comunidades Europeas (EUROSTAT) “a realizar un control de datos urxente e unha actualización diaria para prever diversos escenarios”, valorou Miranda, considerando “indispensábel” contar con datos “sólidos, fiábeis, actualizados e coordinados para realizar estimacións do material sanitario preciso”. “Resulta impresentábel a parálise e a falta de actuación coordinada da Unión Europea, froito do egoísmo de algúns estados que buscan beneficios económicos por riba da emerxencia sanitaria”, sinalou Ana Miranda, quen defende que a Unión Europea “tiña que ser exemplo de solidariedade e actuacións conxuntas”.

Flexibilización dos Fondos de Cohesión

Para a portavoz do BNG en Europa, hai semanas que a UE debería ter posto en marcha medidas de emerxencia coordinadas a nivel europeo, entre as que figura a mobilización de forma felxíbel dos Fondos de Cohesión. “Os fondos europeos deben servir neste momento de crise global para dar solucións como a adquisición de material sanitario de probas e prevención, axudas a profesionais autónomas e traballadoras e traballadores afectados, así como a familias sen recursos”, explicou. Precisamente respecto á proposta da Comisión Europea de activar un fondo de 100.000 millóns para axudar o Estado español e o italiano a financiar os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), Miranda criticou a súa “falta de ambición” ao falar unicamente de préstamos aos países para pagar os ERTE e non ser capaz de aprobar un subsidio de paro europeo. “A proposta formulada pola presidenta da Comisión Europea non chega", puntualizou Miranda.

Comentarios