"O BNG SERá PATA FUNDAMENTAL DA DERROTA DO PP"

Pontón di que a alternativa ao PP é plural e que o BNG está aberto a pactos post-eleitorais

“Evidentemente, a alternativa –ao Goberno do PP na Galiza- vai ser plural”, así respondeu este sábado Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, en relación á un posíbel acordo após as eleccións galegas entre as forzas de esquerdas. Engadiu que o BNG “está aberto a pactos post-eleitorais”.

[Imaxe: Radio Coruña] Ana Pontón
photo_camera [Imaxe: Radio Coruña] Ana Pontón

Na liña do relatorio político aprobado na XV Asemblea Nacional do BNG, Ana Pontón admitiu este sábado nunha entrevista concedida a Radio Coruña-Cadena Ser que o Bloque “está aberto a pactos post-eleitorais que permitan dar unha alternativa de futuro á xente deste país”. En resposta a unha pregunta da xornalista Consuelo Bautista, a portavoz do BNG sinalou que “evidentemente, a alternativa –ao Goberno do PP na Galiza- vai ser plural”.

"O noso papel vai situarse claramente do lado dun cambio político na Galiza, dun cambio non só de siglas"

Así, Ana Pontón insistiu en varias ocasións en que o BNG traballa desde xa por ser “unha pata fundamental da derrota do PP na Galiza e do cambio real de políticos”. “É evidente que a alternativa ao PP vai ser plural”, subliñou, “e penso que iso é positivo”. “O noso papel vai situarse claramente do lado dun cambio político na Galiza, dun cambio non só de siglas”, afirmou. Expresou a vontade de que “non haxa só un cambio que signifique alternancia, senón unha alternativa de cambio real”. Neste contexto, salientou que o BNG “xa está traballando no día a día, pateando o país para coñecer máis a fondo as alternativas, cun diálogo franco e aberto con entidades que traballan fronte ao PP”, explicou.

Elección do candidato ou candidata

Sobre o posíbel candidato ou candidata do Bloque, Ana Pontón anunciou que no próximo mes “abriremos un proceso participativo onde as bases do Bloque, a militancia do BNG, vai decidir quen vai ser o candidato ou candidata. E imos traballar porque é urxente neste momento derrotas as políticas do PP e poñer en marcha unha alternativa en clave de país, que defenda os dereitos de Galiza e unha alternativa social, de resgate das persoas que sofren o desastre que nos deixa o PP”.

“Son os militantes quen deciden e calquera persoa cun número de avais pode presentarse”

Preguntada por se vai haber primarias no seo da formación nacionalista, Pontón deu conta de que “son os militantes quen deciden e calquera persoa cun número de avais pode presentarse”. A candidata ou candidato, expuxo, decidirase nas asembleas comarcais que terán lugar ao longo do país. Sobre se se ve candidata, Ana Pontón respondeu que “cando se abra o proceso será o momento de decidir se esa é unha opción ou non”. “Quere?”, retrucoulle a xornalista, ao que Pontón apuntou que “en política un non está por querer ou non querer, aínda que hai que coller calquera responsabilidade con entusiasmo”. “Iso será froito dunha decisión colectiva en todo caso”, engadiu.

Fórmula de concorrencia

En relación á fórmula de concorrencia ás eleccións galegas, a portavoz nacionalista salientou que o BNG “nunca renunciou á súa sigla, aínda que nas xerais participara nunha candidatura –Nós- con outras forzas políticas e con persoas a título individual”. “Vai ser a militancia quen nos próximos días defina esa fórmula de concorrencia. O que está claro é que vai haber candidatura nacionalista, unha papeleta nacionalista”.

"Vai haber candidatura nacionalista, unha papeleta nacionalista”

Na mesma liña, Ana Pontón afirmou que o BNG está “nun momento de diálogo con entidades e persoas”. “Hai que construír no espazo nacionalista unha alternativa con forza. Tivemos a experiencia de Nós e a decisión sobre cal vai ser exactamente a fórmula electoral imos decidila dentro dun diálogo e vai decidila tamén a militancia”, engadiu a nacionalista, que sinalou que “é unha opción” que a papeleta eleitoral recolla as siglas do BNG.

Comentarios