Pontón destaca a importancia dunha sanidade pública “forte” para afrontar crises como o coronavirus

A portavoz nacional do BNG anuncia a total disposición dos concellos nacionalistas para colaborar coa Xunta ante a crise do coronavirus.

BNG alcaldes
photo_camera Alcaldes e representantes municipais do BNG no encontro con Ana Pontón (BNG)

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou un encontro cos alcaldes, alcaldesas e responsábeis de gobernos municipais, -no marco da cita electoral do 5A-, para volver trasladar a total disposición do BNG para colaborar co Goberno da Xunta en todo o necesario ante a situación de crise xerada polo coronavirus.

 “Todos os concellos liderados polo BNG se poñen a disposición do Goberno da Xunta para colaborar e axudar en todas as cuestións que se requiran para minimizar os efectos do virus”, declarou arroupada por unha representación de rexedores e rexedoras e responsables municipais.

Pontón si pediu, en aras da eficacia, que o Executivo dispoña de “protocolos claros” para poder actuar ante calquera eventualidade: “que os concellos teñan claras as medidas a adoptar para poder actuar con rapidez e eficacia”, alegou.

A líder nacionalista insistiu na oportunidade de que o presidente da Xunta convoque  á maior brevidade unha reunión coas persoas responsábeis das forzas políticas tendo en conta a cita do 5A.

A líder nacionalista dfestacou a importancia de ter un sistema público de saúde forte, con recursos, con orzamentos e libre de recortes. “Unha situación así deixa claro ante os nosos ollo a importancia de manter unha sanidade pública con medios e cos mellores profesionais”. “Poucas cuestións retratan mellor a unha sociedade que a súa capacidade para garantir a saúde das persoas”, concluíu.

Comentarios