Pontón denuncia que Feixoo “vaia de fin de semana” sen decretar novas medidas coa pandemia “fóra de control”

A líder do BNG critica que a Xunta non tome ningunha nova medida estando a pandemia descontrolada e cun nivel de incidencia que duplica o que se considera risco máximo. Pontón pide un confinamento de dúas semanas ampliábeis e solicita a Feixoo que convoque as forzas políticas ante a emerxencia sanitaria.
 
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

A líder da oposición na Galiza e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "vaia de fin de semana" sen que o seu Goberno adopte "ningunha nova medida" nin "ningunha nova proposta" ante unha “pandemia fóra de control”.

Pontón, que reclamou unha vez máis un confinamento domiciliario durante polo menos dúas semanas para frear a curva de expansión da Covid-19, alertou de que as cifras son "extremadamente graves" na Galiza, cunha expansión "descontrolada" e datos "demoledores" e "dramáticos", no que ten que ver con falecementos e presión hospitalaria.

De feito, avisou de que hai unha presión asistencial "enorme" con áreas sanitarias "desbordadas" e "un persoal  exhausto que necesita ser reforzado".

Neste contexto, criticou que Feixoo comparecese onte, quinta feira 21 de xaneiro, “dicindo nada", debido a que non trasladou "ningunha nova medida para frear este descontrol da pandemia" e só "remite" a que nos "próximos días" tomarán "máis decisións".
A vindeira cuarta feira, Feixoo comparecerá no pleno do Parlamento galego a pedimento do BNG para informar sobre a evolución da terceira onda e a líder nacionalista sinalou que volverán demandar o confinamento estrito.

"Non se pode ser máis irresponsábel e non vale esconderse ante a irresponsabilidade do Goberno estatal, cuxa actitude errática súmase a ter ao máximo responsábel da sanidade nunha dobre condición de ministro e candidato electoral", engadiu a portavoz nacional do BNG.
Para Ana Pontón, "o feito de que outros non actúen non pode servir a Núñez Feixoo como escusa para non exercer as súas responsabilidades", e é preciso adoptar "medidas eficaces que salven vidas". "A máis eficaz", reiterou, é un confinamento de "dúas semanas como mínimo".

Neste sentido, apuntou a países como Alemaña, cunha incidencia "moito menor" e medidas "máis restritivas". "Aquí a que esperan?", preguntouse, ante as cifras "dramáticas" de mortes por coronavirus.

"Espero que o Goberno de Sánchez non estea condicionado por ningún proceso electoral e que Alberto Núñez Feixoo deixe de esconderse e se deicida xa", insistiu, para concluír que "nada hai a día de hoxe máis prioritario que isto".

Apoio á hostalaría

Pontón deu esta rolda de prensa despois de reunirse con representantes da hostalaría na Galiza, sector que vive unha situación "agónica" ante o "fechamento encuberto que se suma a un ano en que caeron os ingresos e isto provocou unha perda de miles de empregos".

Respecto diso, a dirixente nacionalista amosou o seu apoio a "todas as medidas necesarias para controlar a pandemia", pero tamén recalcou que "se Feixoo decreta o fechamento dun sector que é na práctica o que está a sufrir o sector, debe recibir axudas directas e inmediatas".

"Urxe un plan de rescate real para estes sectores", afirmou, en demanda de indemnizacións para as perdas e que esta compensación "se aplique durante todo o período".

Pola súa banda, viu "favorábel que se poidan coordinar axudas" da Xunta, deputacións e concellos, pero avogou que as tres partes fagan "o mesmo esforzo orzamentario".

Con esas premisas -"coordinación, negociación e idéntico esforzo orzamentario"-, exemplificou que se a Xunta achega 1% do seu orzamento, concellos e deputacións tamén deberían facelo, na súa opinión, e trasladou a "disposición" do Bloque "para botar unha man".
Por último, da achega do plan de axudas directas e inmediatas até 70%, a formación frontista entende que teñen que ser "compatíbeis" con outras axudas, e agregou que é "importante que se axude o sector con outras medidas" como ampliar os prazos de carencia dos créditos.

"Salvouse a banca cando eran responsábeis da crise e nesta crise hai que salvar a hostalería, que para nada é a responsábel", sentenciou.

Comentarios