Pontón denuncia que Feijóo tenta recolocar Telmo Martín en Sanxenxo "pola porta de atrás"

A operación de retorno de Telmo Martín á alcaldía de Sanxenxo é vista pola líder do BNG como unha "moción de censura encuberta" para recolocar o que foi, din desde a formación soberanista, máximo exponente dun "urbanismo salvaxe".

 

ANAPONTON VISITA SANXENXO3
photo_camera Ana Pontón, durante a súa visita a Sanxenxo [Foto: BNG]

O pacto da candidatura veciñal SAL co PP -posterior á ruptura da formación local con BNG e PSdeG- vai levar de volta Telmo Martín á alcaldía de Sanxenxo. O paradoxo dese acordo radica en que o actual rexedor, Gonzalo Pita (SAL), pasará a ser tenente de alcalde de Martín. Unha operación sen precentes que mereceu esta sexta feira unha dura reprobación por parte de Ana Pontón. Para a líder do BNG -que se achegou a Sanxenxo para estar acarón do grupo municipal nacionalista-, o retorno de Martín responde a unha estratexia tracexada directamente por Feijóo como presidente do PPdeG e por Alfonso Rueda, máximo dirixente da formación conservadora na circunscrición de Pontevedra.

Nun encontro cos meios, denunciou Pontón o "cambio de cadeiras" orquestrado polo PP e SAL, unha manobra para recolocar Telmo Martín na alcaldía "pola porta de atrás".

A líder do BNG, que estivo acompañada pola deputada Montse Prado, recorreu á ironía para censurar esta operación de Feijóo en Sanxenxo e, elevando o tiro, evocou unha das frases emblemáticas -polo entrambilicadas- de Rajoy. "Quero recordarlle a Rueda e a Feijóo as palabras dun ilustre visitante desta vila, o señor Rajoy, quen dicía literalmente: es el vecino quien elige al alcalde y es el alcalde quien quiere el vecino que sea el alcalde".

A frase marianista, con independencia da súa revirada sintaxe, non sería de aplicación neste momento a Sanxenxo, argumentou a portavoz frentista porque "a Telmo Martín non o elixiron os veciños e as veciñas, senón que quere acceder á Alcaldía pola porta de atrás".

En Sanxenxo confróntanse dous modelos antitéticos, alegou Pontón, por un lado as "vellas prácticas caciquís e tránsfugas" do PP e, por outro, o traballo do grupo municipal nacionalista, liderado polo portavoz David Otero, "a favor de mellorar a calidade de vida da veciñanza, para mudar o urbanismo depredador por outro modelo ao servizo das persoas e por facer máis democrática a institución municipal".

O BNG, garantiu Pontón, aspira a ser agora en Sanxenxo "o catalizador desa maioría social que aspiraba a deixar atrás a especulación urbanística e que aspira a ter un concello diferente".

Comentarios