Pontón defende retirar os contratos públicos con empresas que discriminen ás mulleres

A candidata do BNG reclama “facer da igualdade a clave de bóveda das políticas da Xunta” e comprométese a derrogar “todas as normas reaccionarias que se aprobaron polo goberno de Núñez Feijóo”, durante un acto con mulleres en Vigo.

Pontón durante o acto con mulleres en Vigo
photo_camera Pontón durante o acto con mulleres en Vigo

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón, defendeu este sábado retirar os contratos públicos con aquelas empresas nas que exista discriminación “directa ou indirecta” contra as mulleres e eliminar os concertos educativos cos centros que segregan por sexo. “É preciso que as institucións utilicen os mecanismos e recursos que existen para non ser cómplices coa desigualdade que no día a día viven as mulleres no noso país”, asegurou durante un acto con mulleres en Vigo.

Pontón reafirmou o compromiso da fronte para materializar estas medidas coa “derrogación de todas as normas reaccionarias que se aprobaron polo goberno de Núñez Feijóo” así como “facer da igualdade a clave de bóveda das políticas da Xunta destinando recursos públicos”. 

Defendeu crear xulgados de violencia de xénero para que “ningunha muller se sinta soa ou desamparada cando vai a denunciar”. 

Nese sentido, a candidata nacionalista chamou a traballar “para que vivamos nun país con violencia de xénero cero”. Pediu que as competencias en Xustiza sexan transferidas a Galiza, entre outros motivos, para “crear xulgados de violencia de xénero, para que a vítima non teña que estar agardando co agresor, para que haxa sensibilización do corpo xudicial e para que ningunha muller se sinta soa ou desamparada cando vai a denunciar”. 

Outra das medidas anunciadas pola cabeza de lista do Bloque foi a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade. No caso destes últimos, pediu que sexan obrigatorios “para que realmente se asuma que o coidado é cousa de todos e todas”. Defendeu ademais que as nais que traballan como autónomas teñan “custo cero para os seus petos" nas taxas da Seguridade Social durante a maternidade, apostando por rechar coa fenda salarial das mulleres traballadoras en prol de "de salarios racionais que permitan a conciliación da vida laboral e familiar”.

Combater a "ofensiva neomachista"

Pontón recordou que “a desigualdade está tamén neses señores feudais que se seguen crendo con dereito de pernada  e que seguen ao fronte de institucións como o señor Baltar”, situación que definiu como “unha vergoña para un país democrático e con igualdade”. Pediu combater a “ofensiva neomachista” porque “o feminismo non é contrario do machismo, é a solución, a alternativa para que exista igualdade real”.

O que nunca nos van roubar é o dereito a soñar, nin o dereito a pensar nin a ser mulleres libres nunha Galiza liberada.

A tamén portavoz nacional do BNG lanzou estas propostas durante un acto celebrado en Vigo, baixo o título 'Feminismo para un tempo novo', onde participaron decenas de mulleres de todos os ámbitos para amosar o seu apoio á candidatura nacionalista. “Estamos aquí para recoller o traballo de tanta mulleres, mulleres que desobedeceron, porque non chegamos de novo. Todo ese feminismo que ten que empapar, que empapou e que aínda necesita este país”.

“Sempre entendín ser nacionalista como unha maneira natural de ser do meu país. Cando unha defende o que cre, sempre o ten que facer cun sorriso. Porque o que non nos van roubar nunca é o dereito a soñar, nin o dereito a pensar nin a ser mulleres libres nunha Galiza liberada”, sentenciou.

Comentarios