Pontón destaca a "importancia" de Inditex na Galiza, unha compañía "referente a nivel mundial"

Representantes do BNG visitaron as instalacións da multinacional téxtil en Arteixo para pór en valor o seu "peso" no tecido económico galego.
Visita dunha delegación do Bloque ás instalacións de Inditex en Arteixo. (Foto: BNG)
photo_camera Visita dunha delegación do Bloque ás instalacións de Inditex en Arteixo. (Foto: BNG)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou esta terza feira as instalacións de Inditex no municipio de Arteixo, onde destacou a "importancia" de contar na Galiza "cunha empresa referente a nivel mundial" como a multinacional téxtil.

A líder nacionalista coñeceu a sede da compañía nunha visita guiada polo conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, e acompañada por membros da formación como o portavoz na Coruña, Francisco Jorquera; o responsábel local en Arteixo, Xurxo Couto; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, ou a deputada no Parlamento galego Mercedes Queixas.

Alí, segundo explicaron desde o BNG, Ana Pontón salientou o "peso" no tecido económico galego de Inditex, empresa da que enxalzou a súa "capacidade de adaptarse aos novos retos que impón a globalización nun sector tan competitivo e fragmentado como o da moda, e todo sen renunciar ás súas orixes".

Pontón intercambiou durante a visita "reflexións" sobre a sustentabilidade, a mobilidade das infraestruturas intermodais na loxística ou a formación dentro desta industria.

Por último, a portavoz nacional subliñou o papel de Inditex como "referente" dun sector téxtil que ve necesario "seguir potenciando pola súa capacidade de xerar actividade económica e emprego" no país.

Comentarios