Pontón defende implantar no ensino unha materia de igualdade

“Educación, educación e educación en igualdade debe ser a prioridade”, reclama Ana Pontón.
Ana Pontón, en rolda de prensa no Parlamento galego (Foto; Arxina)
photo_camera Ana Pontón, en rolda de prensa no Parlamento galego (Foto: Arxina)

“Educación, educación e educación en igualdade debe ser a prioridade”, reclamou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa ofrecida esta segunda feira, 14 de xuño, na Cámara galega. Nese sentido, propuxo implantar no sistema educativo unha materia específica e obrigatoria en igualade que sensibilice contra a violencia machista.

Destacou tamén que a súa formación traballa, xunto co resto dos grupos, para que a proposición de lei de violencia vicaria impulsada polo BNG quede aprobada antes de finalizar o actual período de sesións. 

Xunto coa petición de máis medios contra as violencias machistas, apelou  á implicación dos medios de comunicación, en particular dos públicos que, na súa opinión, deberían ter na programación e de forma permanente campañas, programas e contidos específicos que sensibilicen contra a violencia de xénero e promovan a igualdade.

Pontón asegurou que "un maltratador non é un bo pai" e pediu modificar a lexislación para que cada vez que haxa un caso de violencia machista desde a xustiza sexa revisado o réxime de custodia e de visitas.

Propuxo revisar os protocolos dos puntos de encontro familiar e crear un mecanismo específico para valorar o nivel de risco en que se poidan atopar as crianzas das mulleres que sofren violencia machista.

Transferencia da AP-9

Noutra orde, o BNG denunciou onte que a tramitación da proposición de lei para a transferencia da AP-9 á Galiza está a demorarse "de maneira inxustificada" desde o pasado mes de febreiro en que foi admitida a trámite polo Congreso.

Co obxectivo de que poida ser aprobada canto antes, o deputado do BNG, Néstor Rego, convocou para esta terza as e os deputados electos na Galiza do PP, PSOE e Unidas Podemos para acordar conxuntamente as accións a realizar para lograr canto antes a transferencia.

Comentarios