Debate do estado da nación

Pontón sitúa Feixoo como “parte do problema” e non da “solución” para Galiza

A portavoz nacionalista lamenta que o “presidente da post-verdade” marxine no seu discurso a “Galiza real” e acúsao de “acomplexado” que “non crer” no seu país.

ana
photo_camera Ana Pontón durante o pleno

Feixoo falou de calquera outra cousa menos da Galiza real, que é un país moi distinto ao que o presidente galego describiu no seu discurso da mañá. Esta idea foi o cerne da intervención da portavoz do BNG, Ana Pontón, que criticou que o mandatario galego centrase a súa intervención en cuestións como Catalunya ou o goberno de Pedro Sánchez “cando este é o debate do estado da Nación, de Galiza”.

A nacionalista cualificou Feixoo de “presidente da post-verdade” por autodefinirse como “militante de Galiza” cando foi “cómplice do maltrato do Estado” ao noso país e responsábel de políticas de recortes que prexudican milleiros de galegos e galegas. “É un Terminator para Galiza, como as malas herbas que impiden que Galiza floreza”, proseguiu Pontón, que dirixíndose a Feixoo dixo: “Vostede é parte do problema e non da solución”.

Sen chofer

Neste punto, convidou Feixoo a “dar un día libre ao seu chofer” e a percorrer Galiza sen coche oficial. Esa Galiza, dixo, con dificultades de emprego, de vivenda, das lagoas na aplicación da lei de dependencia…  Unha situación nas que as políticas do PP tiveron consecuencias directas, sinalou.

A portavoz do BNG instou a Feixoo a asumir unha “axenda galega” para defender os intereses e necesidades do pais, ao tempo que destacaba Pontón a importancia de pular polo “recoñecemento de Galiza como nación e deixar atrás as estreiteces do autonomismo”.

“Castelao soñaba cunha Galiza ceibe, libre e digna e nós cremos nese soño, por iso non nos resignamos a vivir nests presente precario”, concluíu a súa intervención a portavoz nacionalista.

Comentarios