Pontón critica que Galiza sexa "simplemente un slogan" para Feixoo

"Na práctica é un seguidor dese centralismo que só mira para Madrid, Madrid, Madrid", dixo.
Ana Pontón, nunha rolda de prensa no Parlamento (Foto: Europa Press).
photo_camera Ana Pontón, nunha rolda de prensa no Parlamento (Foto: Europa Press).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou este sábado que Galiza sexa "simplemente un slogan" para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, quen vén de ser reelixido como líder do PPdeG nun Congreso decorrido en Compostela baixo o lema "Un camiño por percorrer", e no que era o único candidato.

Neste senso, Pontón cuestionou se ese "camiño por percorrer" é "o que leva ao centralismo madrileño de Ayuso e Casado", ou o que conduce o PP "a estar cada vez máis perto desa extrema dereita machista, racista, xenófoba e antigalega" de Vox, coa que "pactan sempre que o precisan".

Para a líder nacionalista, o PP "representa o pasado" do país fronte a un BNG que é a "alternativa real" e o "futuro".

Todo isto manifestouno durante un acto político celebrdo en Cervo, no marco da campaña do Bloque para presentar os actos de celebración do Día da Patria, que este ano terá a "emoción especial" dos reencontros após 15 meses de pandemia.

Cuestión de prioridades

Para Ana Pontón, a prioridade de Feixoo debería ser "sacar Galiza da crise e dar unha oportunidade á xente nova para que non teña que coller as maletas como fixeron os seus avós". "Debería estar centrado en reforzar a sanidade pública e en pór en marcha outro modelo de coidados que non fixese negocio coa vellez", engadiu.

"Do que tería que estar pendente o señor presidente da Xunta é de como xerar oportunidades económicas no país, como impulsar a ciencia e a investigación e como defender, en definitiva, os intereses da Galiza", sentenciou a portavoz do BNG.

Con todo, lamentou que, para Feixoo, "Galiza, Galiza, Galiza é só un slogan", porque na práctica "é un seguidor dese centralismo que só mira para Madrid, Madrid, Madrid".

Comentarios