"Desmontamos as enquisas"

Pontón xulga o 25S como "un ponto de inflexión" que dá azos para "construír unha alternativa"

A portavoz nacional destaca que o BNG moveu á ilusión para “desmontar as enquisas” e apelou a “traballar xa para construír unha alternativa”.

BNG eleccións

Tristura pola maioría absoluta do PP mais satisfacción por obter uns resultados (6 deputados) que non lle vaticinaban enquisas e sondaxes. Sentimentos contraditorios que presidían na tardiña deste domingo electoral A Nave de Vidán, o local compostelán onde o BNG estableceu o seu posto de mando para a xornada. “Non son os resultados que queriamos: gañou o PP”, recoñeceu a portavoz nacional e candidata nacionalista, Ana Pontón, para a seguir manifestar que iso non podía abrir a porta “á desazón e o desánimo”.

Pontón compareceu acompañada por membros da candidatura do BNG e integrantes da Executiva Nacional da fronte nacionalista e arroupada por ducias de militantes e simpatizantes. Para eles tivo as súas primeiras palabras na valoración dos resultados: “Grazas a todos os que votaron BNG. Os seus votos serven para unha voz forte no Parlamento para defender Galiza”.

Punto de inflexión

“Desmontamos as enquisas”, dixo, e situou este 25S como un “punto de inflexión” a respecto dos resultados electorais do BNG. “Todos estes votos dannos azos”, proseguiu entre aplausos, ao tempo que apelaba “ a partir de mañá, a traballar por unha alternativa”. Ten claro, e así o expresou, que a ilusión xerada nesta campaña non pode ficar en balde. “Non imos permitir que este tempo novo se estrague”, apuntou.

Nesa liña se mantivo ao afirmar que “ten que haber esperanza dun cambio real” e nela vai a traballar desde xa o nacionalismo. Un nacionalismo que nestas eleccións se demostrou que é “vital para o futuro do país”. A preguntas dos xornalistas sobre como poden influír os resultados destas eleccións na situación estatal e nuns terceiros comicios, Pontón indicou que, de habelas, “imos a por todas”. 

Comentarios