Pontón comeza en Lugo unha rolda de visitas por todo o país para apresentar o “novo” grupo parlamentar

Manter unha “interlocución directa” cos colectivos sociais xa antes de se constituír o Parlamento galego o 21 de outubro. Esa é a intención coa que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, inicia unha rolda de visitas polo país. Ponto de partida, Lugo.

Ana Pontón e Olalla Rodil
photo_camera Ana Pontón e Olalla Rodil

A rolda de visitas ten como propósito “apresentar” as deputadas e deputados do “novo” grupo parlamentar do BNG. 

No seu encontro coa imprensa, Ana Pontón -que asumirá as funcións de portavoz do grupo nacionalista na nova Cámara- anunciou que unha das primeiras iniciativas do BNG nesta lexislatura será a de propor o “uso sociosanitario” do antigo Hospital de Lugo, visando impedir a deterioración do edificio.

Anunciou aínda Pontón que o BNG pensa formular unha oposición ao PP “seria, rigorosa e construtiva”, encamiñada a “dar alternativas e solucións á xente”. O BNG está nunha “etapa nova”, enfatizou, e na campaña a formación nacionalista foi quen de recoller “moita ilusión”, o que “será o motor para afortalar un cambio e un espazo nacionalista”.

Olalla Rodil salienta que unha das súas primeiras iniciativas visará "orzamentar a lei de dependencia"

A deputada eleita do BNG por esta circunscrición, Olalla Rodil, revelou que as súas primeiras iniciativas estarán ligadas á problemáticas sociais das diversas comarcas da circunscrición” e salientou entre elas unha encamiñada a “orzamentar a lei de dependencia”.

Neste sentido, Rodil puxo exemplos concretos de como o Goberno do PP aborda os problemas sociais. Destarte, citou a denuncia xa feita polo BNG en plena campaña eleitoral dunha persoa que, após cinco anos de demandar axuda para a dependencia, recebeu unha notificación da Xunta de que lle corresponderían 10 euros ao mes. E denunciou aínda quer a supresión do transporte adaptado 065 quer o caso dunha muller de As Nogais que tivo que abonar 5.800 euros por recibir un tratatamento contra o cancro de mama. “Isto”, dixo Rodil, “debe ser restituído de maneira inmediata”.

Sobre a proposta do BNG de recuperar o antigo Hospital de Lugo, explicou que nos orzamentos da Xunta para 2012 xa figuraba unha partida de 1,2 millóns de euros para crear nel un laboratorio de saúde pública. A partida non se chegou a executar.

Comentarios