Pontón, coa ollada posta na Presidencia da Xunta: "Imos a por todas, sen límites"

Milleiros de persoas percorreron as rúas de Compostela nunha nova manifestación con motivo do Día da Patria Galega. Baixo o lema 'Gañarmos o futuro', o BNG reivindicou o seu proxecto "para unha saída xusta da crise" nun multitudinario evento que rematou nunha ateigada praza da Quintana. "O Bloque non naceu para ser unha corrente de opinión, senón para ser forza maioritaria, para transformar este país e construír unha Galiza mellor", defendeu Ana Pontón.
Intervención de Ana Pontón na praza da Quintana ao remate da manifestación convocada polo BNG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Intervención de Ana Pontón na praza da Quintana ao remate da manifestación convocada polo BNG. (Foto: Nós Diario)

Máis un ano o ambiente festivo e reivindicativo propio do Día da Patria Galega tomou as rúas de Compostela, ateigadas de xente procedente de todo o país que acudiu á chamada do BNG baixo o lema 'Gañarmos o futuro. A nova Galiza en marcha'. Instantes antes de que arrincase a marcha convocada na Alameda ás 12 horas xa se podían escoitar diferentes proclamas amenizadas ao ritmo de tambores e gaitas.

Unha bandeira galega de grandes dimensións lideraba a comitiva nacionalista e, inmediatamente despois, Goretti Sanmartín, Montse Prado, Néstor Rego, Ana Pontón, Carme Dasilva, Rubén Cela, Noa Presas e Lois Castrillo portaban a faixa co lema da mobilización que guiaba as persoas asistentes.

"Galiza ceibe, poder popular" ou "Galiza é unha nación" foron algunhas das proclamas que podían distinguirse entre a multitude

"Galiza ceibe, poder popular". Abondou un forte berro reivindicativo da soberanía da Galiza, seguido ao unísono por todas e todos os manifestantes, para marcar o inicio da marcha. Alén dos milleiros de galegas e galegos presentes en Compostela tamén podían distinguirse entre a multitude representantes dos movementos soberanistas doutras nacións sen Estado como Catalunya, Euskal Herria, Breizh, Escocia ou Palestina.

Avanzaba a manifestación e percibíanse cánticos na defensa dos servizos públicos, o feminismo ou o futuro da mocidade. "Queremos traballar, non emigrar!", reinvindicaron centos de mozos e mozas. "Que queiran, que non, Galiza é unha nación!" foi outra das proclamas que máis aplausos espertaron. Cando o reloxo sinalaba as 13.30 horas e a cabeza da manifestación xa chegara á praza da Quintana, da Alameda aínda seguía saíndo xente.

"En pé, con máis forza que nunca"

Foi a deputada e membro da Executiva Nacional do BNG Olalla Rodil a encargada de agradecer a presenza dos milleiros de persoas que acudiron á chamada da formación nacionalista e de presentar e saudar as delegacións internacionais que fixeron parte da mobilización do Bloque Nacionalista Galego.

Como é tradición, a delegación de Palestina e a de Cuba espertaron unha grande ovación. Tras Rodil, tomou a palabra Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, quen puxo de manifesto: "Seguimos aquí en pé, con máis forza que nunca, e imos cambiar o rumbo do noso país". Gómez reivindicou que "somos a mocidade alegre, rebelde e combativa, imprescindíbel para o presente e o futuro do nacionalismo".

Berros de "Presidenta, presidenta!"

E a berros de "Presidenta, presidenta!" foi recibida Ana Pontón, que interveu, sen atril, entre numerosos aplausos. Comezou o seu discurso admitindo o “ilusionada e emocionada” de compartir espazo “sen máscaras” para “celebrar que somos unha nación”, “republicanas” e “non súbditas dunha monarquía corrupta”, para “celebrar que a forza do noso amor non foi, non é e non será inútil”, dixo parafraseando a Uxío Novoneira.

Pontón referiuse no inicio do discurso á fundación do BNG, hai case 40 anos e lembrando as persoas que o fixeron posíbel, “grazas pola rebeldía, polo inconformismo e polo compromiso”, afirmou, “grazas porque sabemos que non sempre foi fácil pero mereceu a pena”. “Sen esa xeración”, á que cualificou como “valente”, hoxe “non estariamos aquí e Galiza non sería a mesma”.

A praza da Quintana, ateigada. (Foto: Nós Diario)
A praza da Quintana, ateigada. (Foto: Nós Diario)

A líder do BNG salientou que a formación nacionalista “non naceu para ser unha corrente de opinión”, senón para “ser forza maioritaria, para transformar este país e construír unha Galiza mellor”. Foi entón cando expresou que o BNG ten un obxectivo que está, salientou, “máis perto que nunca”: “gobernar nós a nosa terra”.

“Ter as portas abertas e a man tendida”

Nunha intervención con chiscadelas constantes á militancia congregada na praza da Quintana, Pontón reivindicou “ser humildes e xenerosas” e “ter as portas abertas e a man tendida a todas as persoas que levan Galiza no corazón”. É dicir, “chegar a máis cidadanía e sectores”.

A continuación, fixo balance dos últimos meses. Un balance crítico cun “presidente e un vicepresidente da Xunta que abandonaban os seus deberes de goberno” en medio “da maior crise de prezos en catro décadas, porque a eles o que lles preocupaba era a crise do PP”. Así, cualificou a “desfeita” da Galiza da que “fuxiu” Alberto Núñez Feixoo.

Ademais de citar o “boom eólico depredador”, denunciou o colapso da sanidade pública, a inflación “por riba da media”, a “parálise” da Xunta e a “submisión a Madrid”. Prognosticou, neste marco, que o “próximo goberno estará liderado polo BNG cunha presidenta coas mans libres”.

Un intre da manifestación, ao seu paso pola rúa da Senra. (Foto: Y. C.)
Un intre da manifestación, ao seu paso pola rúa da Senra. (Foto: Y. C.)

“Non á guerra”

A dirixente nacionalista fixo tamén alusión á guerra de Ucraína “que nos horroriza”, para reivindicar que “somos antiimperialistas e pacificistas, dixemos sempre ‘Non á guerra’”. Citou outros conflitos como os Libia, Serbia, Afganistán, Iemen, Palestina e O Iraq, “para nós non hai guerras boas ou malas”, acrecentou, para, a continuación, condenar a invasión rusa.

O apoio ás persoas refuxiadas, a solidariedade co pobo saharauí e as críticas ao “rearme do militarismo”, cunha crítica expresa ao cumio da OTAN, tamén fixeron parte da intervención con Pontón, que berrou: “Non máis OTAN, non máis bases, non máis gasto militar no noso nome”. Foi entón cando aludiu ao “disparate” dun “Goberno que se declara progresista” e que “malgastou 37 millóns de euros”. “Hai quen prefire máis tanques en vez de máis médicas”, lamentou.

Tras expor que as sancións a Rusia “non deteñen a guerra” e “benefician os EUA” -de quen dixo que “aparecen de salvadores e venden o gas e o petróleo máis caros e máis contaminantes-, a líder nacionalista lembrou que a suba dos prezos “vén de antes” e “é o resultado das guerras comerciais que declararon os EUA”.

“Sabedes canto gañaron Iberdrola, Naturgy e Endesa o ano pasado? 6.500 millóns”, expresou Pontón a continuación, referíndose a “unha nova estafa á maioría social”. Como alternativas, citou a tarifa eléctrica galega, pór fin aos “beneficios caídos do ceo”, unha “empresa pública e galega de enerxía” e a suba de impostos ás “eléctricas, petroleiras e á banca”. Así, estabeleceu unha comparación entre a situación de recortes vivida a partir de 2008 e as chamadas a “apertarse o cinto” actuais. “Non poden repetirse os erros do pasado”, salientou, como xa apuntara nas declaracións que ofreceu aos medios de comunicación ao inicio da manifestación.

O proxecto do BNG

Tamén na mesma liña das palabras ofrecidas aos medios ao inicio da mobilización, Pontón explicou o “proxecto para unha saída xusta” á crise, que comprende “blindar a sanidade pública, apostar nun rural vivo, enfrontar a crise demográfica, frear a emigración da xente moza” ou “pór o país a producir”. “Galiza dá máis que para o turismo”, proclamou.

A crise climática foi outro dos eixos sobre os que artellou o discurso Pontón, que cualificou de “postureo” a “transición ecolóxica”. Após a referencia aos incendios forestais da última semana, chamou a “facer unha reflexión de fondo” e á necesidade de que “este desastre” sexa “un punto de inflexión”. Contra o abandono do rural e a falta de prevención, receitou “un monte multifuncional” e “prevención, prevención e prevención”.

Bandeira galega no inicio da manifestación do BNG (Imaxe: Y.C.)
Bandeira galega despregada no inicio da manifestación do BNG. (Foto: Y. C.)

As “cloacas” do Estado e a corrupción da Casa Real española “herdada do franquismo” non faltou nun discurso en que Pontón dixo que “estamos ante o nacemento dun novo mundo, multipolar, o mundo das nacións, dos pobos que queren controlar o seu destino e avanzar sen submisións”. “Xogámonos avanzar ou retroceder”, advertiu.

“Chegamos aos 40 anos como unha forza cohesionada e ilusionada, unha organización coa experiencia e a madurez necesarias para presidir o próximo Goberno do país”, afirmou a líder nacionalista, que expuxo que as municipais “son unha excelente ocasión para avanzar”.

Concluíu a intervención insistindo nunha “mensaxe clara”: “Imos a por todas, sen límites”. Unhas palabras que provocaron a ovación dos milleiros de persoas presentes, que antes de abandonar a praza da Quintana interpretaron o Himno Nacional.

Comentarios