Pontón chama a unha votación masiva o 25S para non ter que “lamentarse o día seguinte”

A aspirante do BNG á Xunta pide non conformarse este domingo cun “cambio de caras” e reclama que aqueles que aspiran a un cambio “desde un proxecto de país” aposten pola súa candidatura. 

Ana Pontón durante o mitin en Compostela (Foto: BNG)
photo_camera Ana Pontón durante o mitin en Compostela (Foto: BNG)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, fixo un chamamento esta quinta feira para que o 25 de setembro haxa unha votación masiva en Galiza porque, dixo, “de nada servirá lamentarse o día seguinte”. A aspirante nacionalista pediu non conformarse “cun cambio de caras” e reclamou que aqueles que queren un cambio “desde un proxecto de país” acudan o domingo a “encher as urnas de orgullo e de confianza nas nosas propias forzas para que Galiza avance, de votos ao BNG”.

Pontón comprometeuse a que o “Bloque non lle vai fallar á xente deste país” e presentou a súa forza como “a garantía de que Feijóo non vai ter segundas oportunidades”. Unha idea que confrontou “co espectáculo das forzas estatais, que nin deron unha alternativa ao PP nin aproveitaron a súa minoría para derogar leis inxustas como as contrarreformas laborais, a lei mordaza ou a LOMCE”, manifestou durante o mitin na praza compostelá de Cervantes, acompañada entre outros polo cabeza de lista na Coruña, Xosé Luís Rivas Mini, e o portavoz municipal do BNG, Rubén Cela.

Pontón reclamou “o dereito a algo mellor que a Galiza máis pobre e desigual que nos deixa Feijóo”.

A candidata á Xunta reclamou “o dereito a algo mellor que a Galiza máis pobre e desigual que nos deixa Feijóo”, a quen chamou “o candidato do partido que representa o paro e a corrupción, o candidato dun partido que vai estar sentado no banco dos acusados”, en referencia ao xuízo polas tarxetas black, que dará comezo pouco despois de pechar as urnas no país, e tamén aos numerosos  casos que roden o PP como a “Gürtel, Pokemon, Rato, Bárcenas, Bárbera ou Baltar”.

Pontón asegurou que ao longo de toda a campaña percibiu un “apoio crecente, en todos os actos electorais e no entusiasmo e traballo da militancia, dos simpatizantes e de todos e cada un dos candidatos e das candidatas”, un apoio que sinalou “é o verdadeiro efectoPontón do que tanto se fala”. 

Dirixiu tamén o seu discurso ao electorado máis mozo. “A vosa rebeldía e inconformismo nas urnas é a forza que precisamos para derrotar ao PP”, salientou Pontón, que asegurou que non deben deixar que ninguén lles convenza para resignarse ante “salarios de miseria, paro ou emigración”. 

“O futuro é voso, non deixedes que ninguén volo arrebate, e menos quen se erixe en fiel executor de políticas sen corazón”, reclamou a candidata nacionalista, que apelou este 25S a “sermos a chave para quitarlle a maioría absoluta de Feijóo, e abrir un tempo novo, con ilusión e con confianza”.

Comentarios