Pontón chama a “sumar fronte á involución do españolismo máis radical”

A precampaña do BNG está a xirar sobre dous eixes. Un, que Galiza “recupere voz propia no Congreso”. Dous, que os votos á fronte nacionalista servirán para frear a ofensiva das dereitas españolas. Este domingo en Ribadeo, a portavoz nacional Ana Pontón insistiu en ambas as dúas ideas.
 

BNG Ribadeo
photo_camera A portavoz nacional do BNG Ana Pontón (quinta pola dereita) e o candidato á alcaldía de Ribadeo, e actual alcalde, Fernando Suárez (sexto pola dereita) con outros membros da lista. Foto: BNG.

“O Bloque ten as portas abertas e a man tendida”, expuxo Pontón tras participar na presentación da candidatura de Fernando Suárez, actual alcalde, a revalidar mandato no Concello de Ribadeo, “a todas as persoas que queiran que Galiza exista en Madrid para sumar fronte á involución democrática do españolismo máis radical”. O xiro á dereita do PP de Pablo Casado e a irrupción mediática de Vox, de fondo.

Mais no discurso da líder do BNG está tamén a, na súa opinión, invisibilidade de Galiza nas dúas lexislaturas -a curta entre 2015 e 2016 e a menos curta entre 2016 e 2019. Nelas, o Bloque non sentou no Congreso. Era a primeira vez desde 1996. “O 28A temos unha oportunidade para que Galiza recupere voz propia no Congreso”, expuxo en Ribadeo, “e poñermos fin á discriminación das forzas estatais desde o Goberno central”.

Ao seu ver, “moita xente botou de menos ao BNG en Madrid nesta decepcionante lexislatura e vai ser moita a que aposte polo proxecto sólido, coherente e unido do BNG”.

"Recadeiro de Casado"

Nunha entrevista na Radio Nacional de España emitida tamén este domingo, Pontón reiterou a táctica discursiva dos nacionalistas, e engadiu cargas de profundidade contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. “É o recadeiro de Casado”, dixo, “e emprega a Xunta como arma arreboladiza contra o Goberno só porque os seus non gobernan en Madrid”. Referíase á repentina febre por asumir competencias que, coa axuda das súas terminais mediáticas, Feixoo vén manifestando nos últimos días.

Porén, a realidade é teimuda, e as tres lexislaturas consecutivas que o PP leva ao mando foron as primeiras na historia da Autonomía en que a Xunta non asumiu ningunha nova competencia. Nin as reclamou. A portavoz do BNG mencionou a súbita pretensión do Goberno Feixoo de empregar o superávit para sanidade. “Dixéronlle que si pero Casado votou en contra [no Congreso]. Agora Feixoo tamén di que non lle vale”, relatou, “é unha actitude cínica. O PP racha as vestiduras polas normas que el mesmo impuxo”.

Comentarios