Pontón chama a investigar as causas polas que Galiza paga os carburantes máis caros

A portavoz nacional do BNG pregunta a Feijóo que medidas está a tomar o goberno contra “un novo atraco” das distribuidoras, ás que acusa de pactar prezos “sableando aos galegos e galegas”. 

ana pontón - foto bng
photo_camera ana pontón - foto bng

Ana Pontón vén de facer un chamamento para investigar as causas polas que os galegos e galegas pagan os carburantes máis caros de todo o Estado. A portavoz nacional do BNG cuestionou a falta de medidas do Goberno galego para evitar que as empresas distribuidoras pacten subas nos prezos, que este ano son un 8,5% máis altos con respecto o pasado curso. 
 

“Viña desde Santiago para A Mariña calculando canto lle costa a un galego ou galega coller o coche nun país onde temos unhas das peaxes máis caras de todo o Estado e que hoxe mesmo coñecemos que estamos pagando a gasolina e o gasóleo máis caros de todo o Estado español”, criticou Ana Pontón, que pediu abrir unha investigación sobre o caso.
 

"Como é posible que as grandes distribuidoras pacten os prezos da gasolina sableando aos galegos e galegas e que o Goberno de Feijóo non faga absolutamente nada?", preguntou Pontón.


“O mínimo sería abrir unha investigación para saber porque pasa isto, como é posible que as grandes distribuidoras pacten os prezos da gasolina sableando aos galegos e galegas e que o Goberno de Feijóo non faga absolutamente nada? É unha proba máis dun goberno que ten abandonada á maioría social”, asegurou, segundo nota de prensa, antes dunha reunión coa xunta de persoal do Hospital da Costa en Burela.

Nese sentido, a voceira nacionalista  preguntou a Feijóo que vai facer o Goberno “ante un novo atraco ao peto dos e das galegas”. Recordou ademais que, malia ter Galiza unha refinería, pague igualmente a gasolina e o gasóleo máis alta que no resto do Estado. 

Comentarios