CALLóN, PRESAS, RODIL E BARá, CABEZAS DE LISTA

Pontón chama a apoiar o BNG para que Galiza recupere a voz en Madrid

O Consello Nacional do BNG aprobou na mañá do sábado as candidaturas ás eleccións xerais co obxectivo de que Galiza recupere a voz en Madrid. Carlos Callón, Olalla Rodil e Noa Presas repiten como cabezas de lista pola Coruña, Lugo e Ourense, mentres que Luís Bará se estrea como cabeza de cartaz por Pontevedra.

2
photo_camera Os cabezas de lista do BNG-Nós, con membros do Consello Nacional

Co obxectivo claro de que Galiza recupere a voz en Madrid, o Consello Nacional do BNG aprobou na mañá do sábado por unanimidade as candidaturas coas que concorrerá ás eleccións xerais do 26 de xuño coa coligazón BNG-Nós Candidatura Galega. Trátase dunhas listas que “suman todas as persoas que pensamos que Galiza precisa forzas políticas que nos defendan, que creemos que somos un pobo que precisa alternativas propias”, en palabras de Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.

Pontón afirmou que a alternativa que representa o BNG-Nós Candidatura Galega “ten a cabeza e o corazón no país”. De aí que a formación nacionalista vexa nos comicios xerais “unha oportunidade para que Galiza recupere a voz perdida”, após “o fracaso das autodenominadas forzas do cambio” para construír un Goberno distinto ao do PP.

A portavoz do BNG amosouse convencida, en declaracións aos medios, de que “hai miles de persoas cansas e decepcionadas destes meses de paripé político sen achegar solución algunha aos problemas dos galegos e galegas, literalmente desaparecidos”.

Os candidatos e candidatas

A candidatura, que recupera as siglas do BNG na papeleta electoral, repite cabezas de lista pola Coruña, Carlos Callón; Lugo, Olalla Rodil, e Ourense, Noa Presas. Estréase como candidato por Pontevedra Luís Bará. En declaracións aos medios, Callón convidou a “constatar na páxina web do Congreso até que punto Galiza quedou muda” e preguntouse “se os deputados e deputadas electas merecen o salario que cobran”.

Callón cualificou de “vergoñento” que os e as parlamentares do PP, PSOE e En Marea “non chegasen a presentar nin unha iniciativa propia á semana”

O cabeza de cartel pola Coruña cualificou de “vergoñento” que os e as congresistas do PP, PSOE e En Marea “non chegasen a presentar nin unha iniciativa propia á semana”. Lembrou, ao respeito, a “inxente cantidade” de propostas presentadas polos deputados e deputadas do BNG cando a forza nacionalista tivo representación na Cámara. “Os candidatos e candidatas nacionalistas non imos a Madrid a dicir si bwuana, imos traballar polo país e imos pór o noso grao de area para que haxa un goberno que teña o corazón á esquerda e a cabeza en Galiza”, engadiu.

Olalla Rodil, candidata por Lugo, salientou a “forza” coa que o BNG-Nós Candidatura Galega encara a campaña, superando os “atrancos” da lexislación electoral. Puxo en valor o apoio dos máis de 10.000 avais recollidos en tempo record pola formación nacionalista.

Presas: "Somos garantía de que xente do común do noso país vai ter quen a defenda sen condicionamento algún"

A candidata por Ourense, Noa Presas, subliñou que o BNG-Nós “é a única alternativa capaz de defender os intereses da xente moza deste país”. “Somos garantía de que xente do común do noso país vai ter quen a defenda sen condicionamento algún”, engadiu.

Luís Bará, que encabeza a candidatura por Pontevedra, enxalzou “a total confianza no noso país, que ten un enorme potencial, e imos traballar para desenvolver ese potencial con orgullo e dignidade”. “A representación do BNG en Madrid pode ser decisiva para condicionar o goberno do Estado e orientalo a favor de Galiza”, advertiu o nacionalista.

Comentarios