Pontón e Caballero emprazan Feixoo a reunirse e abordar a crise

Ana Pontón pide por carta a Núñez Feixoo unha reunión para abordar a saída da crise e Gonzalo Caballero propón un "grande pacto político, social e territorial para acordar a reconstrución da Galiza".
Alberto Núñez Feixoo (PP), Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero (Foto: Arxina)

Por carta. Así se dirixiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, co obxectivo de solicitarlle formalmente unha reunión en que tratar a saída da crise sanitaria e socioeconómica.

A nacionalista incidiu en que "o adversario” a “bater” é "o virus, o paro e o fechamento de empresas", polo que solicitou o encontro, ao que quere trasladar catro propostas: reforzar a sanidade pública e deseñar un plan de vacinación para administrar doses durante as 24 horas do día “cando haxa subministración"; articular un plan de rescate "real" para os sectores que "de verdade están a sufrir" a crise; e alcanzar unha posición "de país" para pór os intereses da Galiza "por diante" na negociación dos fondos europeos Next Generation. Aliás, o BNG tamén quere abordar a necesidade dun "novo modelo de coidados", principalmente nas residencias, que "evite volver ver as persoas maiores convertidas nun modelo de negocio" para as empresas, dixo Pontón en rolda de prensa. 

"Desde a súa responsabilidade como presidente do Goberno galego e desde a miña como líder do principal partido da oposición, considero que os galegos e galegas esperan de nós que sumemos esforzos para saír desta durísima crise", explica a misiva. 

A preguntas dos medios, a dirixente nacionalista asegurou ver Feixoo "moi nervioso", despois  das constantes críticas vertidas nas últimas semanas desde as filas do PP contra o BNG, acusando tanto a formación como a súa líder de "radicalidade", e criticando alianzas con outras forzas soberanistas, como Bildu, Esquerra e a CUP. O virus "é o inimigo", reiteroulles Pontón.

Preguntado polos medios sobre a resposta que dará o Goberno á nacionalista, o portavoz do PP, Pedro Puy, remitiu á contestación que se dea desde a Presidencia da Xunta.

Gonzalo Caballero pide reunión a tres

Tamén o secretario xeral do Partido Socialista, Gonzalo Caballero, instou Núñez Feixoo a reunirse. Nunha rolda ofrecida esta segunda feira, 1 de marzo, na Cámara galega, Cabellero emprazou o presidente da Xunta a manter un encontro coas portavocías dos partidos da oposición, PSdeG e BNG, para "falar da reactivación e do impulso" da Galiza nun contexto en que o país "está a quedar atrasado" na recuperación pola ausencia de plans por parte do Goberno galego.

Nese sentido, tras referirse ás dificultades que atravesan sectores como a hostalaría, o comercio, a cultura ou o deporte, mostrou a súa preocupación pola planificación da Xunta para optar a fondos europeos. 

"Non hai estratexia na Galiza para os fondos europeos a inicios de marzo", censurou Caballero, e incidiu en que Feixoo debe convocalo tanto a el mesmo como á portavoz do BNG, Ana Pontón, para "pactar a folla de ruta da reconstrución" e para "conseguir fondos europeos de acordo ás distintas convocatorias que existan".

O socialista, que pediu ter en conta os axentes económicos e sociais e as administracións territoriais para alcanzar ese acordo, chamou a "non perder o tempo". "Un erro máis no proceso de reactivación terá efectos nefastos", advertiu. 
Ese acordo, considerou, ten que "dar futuro" a toda a cidadanía e, especialmente, á xente nova. "Hai unha xeración nada a finais do século pasado e na primeira década deste século que sempre viviu en tempos de crise", manifestou, avogando por "dar esperanza e posibilidades de futuro" á xuventude.

Puy celebra os 12 anos da primeira vitoria de Núñez Feixoo

O portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy, destacou este 1 de marzo, con motivo dos 12 anos da primeira vitoria de Alberto Núñez Feixoo nunhas eleccións galegas, a "confianza maioritaria" outorgada pola cidadanía ao mandatario ao longo deste período", dixo. 

Puy subliñou que Núñez Feixoo enfrontou dúas crises "que non tiñan precedentes" na historia recente -a financeira e a pandemia da Covid-, que deixaron "tempos difíciles" e "de moitos cambios".

Alén da efeméride, Pedro Puy, que compareceu ante os medios após a reunión semanal do grupo do Partido Popular no Parlamento, quixo chamar "á prudencia" na desescalada iniciada a pasada semana. 

"É unha preocupación", dixo, "a necesidade de que na desescalada non haxa minorías que incumpran as normas e nos poidan levar a unha nova restrición da actividade. Sería, certamente, unha pena", expresou.

Para ilustrar este impacto no conxunto do país o portavoz do PP deu cifras que o Foro Económico da Galiza estima para este ano 2021: "No suposto de volver tomar medidas restritivas despois da segunda onda e a terceira, a economía galega volvería caer un 1,5%", sinalou.

Iso si, de acordo con estas previsións, o crecemento do produto interior bruto (PIB) galego elevaríase 8,8% en caso de que no verán xa haxa unha "inmunidade de grupo" polo avance da campaña de vacinación. Pero, no caso de que a chegada de dose "se siga atrasando", a suba da economía sería só de 4,8%, matizou Puy. Por iso, constatou que a na desescalada hai que ter "coidado", porque a Galiza xógase "a saúde" e "o futuro".

Comentarios