Pontón avanza unha "ofensiva política" do BNG contra o cobro nas autovías

"O Estado ten unha débeda histórica con Galiza en infraestruturas", denuncia ademais, ante esta medida que cualifica como “antisocial e discriminatoria”

Ana Pontón BNG
photo_camera Ana Pontón.

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou unha ofensiva política do BNG no Parlamento, no Congreso e nos concellos contra a medida do Goberno do Estado de cobrar peaxes por circular polas autovías, unha medida que cualifica de antisocial, discriminatoria, que “só busca facer caixa e que prexudica especialmente a Galiza pola súa condición periférica”.

"O anuncio está xerando unha gran preocupación e oposición social, tanto entre a cidadanía do común, que ve con escándalo un novo sablazo a unhas economías familiares moi debilitadas, como entre as empresas, porque a medida afectaría de cheo  a súa competitividade en particular das que dependen das autovías para exportar os seus produtos", salientou Pontón.

O Bloque traslada a súa total oposición a unha medida,  de aí a ofensiva política que empezará cunha proposición non de lei no próximo Pleno da Cámara "para conseguir unha declaración unánime de Galiza ante esta medida", que seguirá con mocións nos concellos para trasladar o debate ao conxunto da Galiza, e no Congreso, con iniciativas para que o Goberno español retire esta medida.

Para a líder do BNG, a proposta é especialmente negativa para Galiza por tres circunstancias: a condición periférica, o menor nivel de renda da cidadanía e por un infra-desenvolvemento das redes públicas de transporte por unha discriminación que fai que Galiza careza de infraestruturas que outros territorios desfrutan dende fai décadas.

"O Goberno do Estado ten unha débeda histórica con Galiza en infraestruturas", subliñou Pontón, ao que se suma “o lastre” de soportar “peaxes elevadísimas en vías estratéxicas como a AP-9, mentres outras autonomías contaban con autovías gratuítas que lles daba vantaxe para avanzar no seu desenvolvemento”. "

A formación nacionalista lembra que a medida foi deseñada por un Executivo do PP, que xa en 2012 e con Ana Pastor como ministra de Fomento levou o asunto á Comisión de asuntos económicos do Goberno español e que estimaba unha recadación superior aos 2.700 millóns de euros. "Agora é o PSOE quen colle o relevo e pretende aplicar unha proposta lesiva para Galiza", criticou Pontón.

A portavoz considera “falaz” que esta sexa unha medida ecolóxica, "porque verde sería fomentar o transporte colectivo, pero en Galiza vemos que, coa excepción do eixo A Coruña-Vigo, hai un desmantelando progresivo dos servizos por tren".

E é falaz engadiu, o argumento de que quen usa paga, "se trasladamos esa premisa a outras infraestruturas ou servizos públicos, as persoas que non teñen fillos poderían alegar que non teñen que pagar as escolas infantís ou o sistema universitario porque non o van usar”.

Comentarios