Eleccións municipais

Pontón avanza novidades para Vigo e Ourense

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, adianta novidades nas candidaturas ás eleccións municipais de 2019 en Vigo e Ourense e fai fincapé en que non depende da súa vontade a configuración das listaxes, que son froito dun proceso democráctico no seo das asembleas municipais.

1521366030_002692_1521366321_noticia_normal
photo_camera Ana Pontón, na entrevista da SER

“O cambio político na Galiza vai comezar nas eleccións municipais”. Así expresaba o seu convencemento Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, nunha entrevista concedida a Radio Galicia-Cadena Ser. Neste sentido, asegurou que o Bloque “desde a humildade mais con todo o optimismo” vai “ir a por todas”.

Así, erixiu o BNG como “aposta sólida” para quen queira concellos “que realmente funcionen, que melloren a calidade de vida da cidadanía, que lles dean contornas saudábeis e que recuperen o público”.

Candidaturas

A respeito das candidaturas, Ana Pontón afirmou que a organización nacionalista fará públicos os nomes das persoas que encabezarán as listas nas cidades e algunhas vilas antes do verán e adiantou “apostas importantes” en Vigo e Ourense. "O fortalecemento do BNG vaise ver en candidaturas que van ser con moita potencia", engadiu.

A portavoz do Bloque sinalou que gostaría de reducir a “fenda” que aínda existe entre alcaldes e alcaldesas na política municipal, “onde máis está custando” superar o teito de cristal. Neste sentido, subliñou o “compromiso claro” da militancia nacionalista polas listas paritarias e cremalleira. A nacionalista insistiu en que no BNG é a militancia, nas asembleas locais, que propón as candidaturas, que non dependen da súa vontade.

Dous anos á fronte do BNG

Sobre os dous anos á fronte do Bloque, Pontón puxo de manifesto que hai motivos para estar satisfeita co traballo realizado polo equipo que encabeza, “conseguimos recuperar a ilusión, que se nos vexa como forza unida nun proxecto cohesionado, que temos unha alternativa que representa a modernización deste país e a solución aos problemas estruturais que vimos arrastrando”.

A portavoz do BNG sinalou que a organización segue a traballar na ampliación da base organizada dentro do nacionalismo e informou de que se produciu “un incremento moi importante” de militantes, sobre todo mocidade e mulleres.

Balanzo do goberno de Feijóo

Ademais, Ana Pontón afirmou que se nestes momentos tivesen lugar eleccións galegas, o PP non revalidaría a maioría absoluta, “creo que o maior problema que ten Galiza é un goberno sen proxecto, á deriva e esgotado; a maior debilidade, un presidente que, por ambición persoal, non é quen de defender os nosos intereses e fainos perder oportunidades”. “Nunca Galiza foi tan irrelevante e maltratada como hoxe co PP”, advertiu.

A dirixente nacionalista palpa “cansanzo” coas políticas da dereita e cos recortes, pois a cidadanía “non entende por que, se o discurso oficial é que saímos da crise, a súa vida non o fai”. Sobre os protestos crecentes nas rúas, Pontón dixo que aos partidos deben “participar e fortalecer” o movemento social e tendeu a man para “acompañar esa indignación e transformala nun cambio político”.

“Estamos en condicións de poder liderar unha alternativa ao PP”, sinalou Pontón, para citar, a continuación os salarios baixos, o menor emprego, a maior pobreza ou a emigración que sofre Galiza a respeito do resto do Estado. O BNG, agregou, “é unha organización á alza na que confiar” e, neste sentido, revelou que a súa percepción é que o Bloque xera “unha corrente de ilusión ao noso redor”.

Pensións

Pontón foi moi crítica coa “incapacidade” de Alberto Núñez Feijóo para defender os intereses das persoas pensionistas galegas, que son as que teñen as pensións máis baixas. “Con 40 millóns de euros poderían mellorarse unhas pensións que están por baixo do limiar da pobreza, 346 euros mensuais”, afirmou a respeito das pensións non contributivas.

“Estou convencida de que en 9 mil millóns de euros [de orzamento da Xunta], hai 40 para atender unha situación de emerxencia como a que teñen esas persoas”, destacou. O BNG defenderá no próximo pleno do Parlamento unha iniciativa neste sentido.

Comentarios