Pontón apela a votar o BNG para demostrar que “este país non se entrega a ninguén”

Fixo un chamamento no acto central de Vigo a “toda a xente que quere Galiza” a que o domingo colla a papeleta nacionalista.

BNG Vigo
photo_camera Imaxe do mitin en Vigo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón apelou  no acto central de Vigo a que “toda a xente que quere a Galiza, o 26 de xuño vote ao BNG”. Unha escolla que implica dotar de voz ao pais no Congreso para defender “a creación de emprego digno e de calidade” e os sectores produtivos galegos. Pontón situou o Bloque como a única garantía coas “mans libres” para defender Galiza, para negociar sen subordinacións a forzas estatais. Criticou o bipartidismo a catro, ao que acusou de ver en Galiza “un graneiro de votos” e puxo o BNG como exemplo de forza ao servizo da maioría social: “O BNG sempre  cumpriu  onde pode defender os intereses de todos e todas vós”, dixo.

“Eu anímovos o saír o domingo e demostrar que queremos a este país e que non llo imos entregar gratuitamente a ninguén. Nin  aqueles da vella política  que fixeron promesas que se converteron en recortes laborais e sociais nin  aos da nova política que volven a facer promesas  sen contar con Galiza”.

Economía galega e innovación

Luís Bará, candidato de BNG-Nós pola provincia de Pontevedra ao Congreso apostou na innovación, o talento,a creatividade e pola tecnoloxía e investigación de Galiza para impulsar a riqueza e o emprego no noso  país. “Temos que darlle valor engadido á economía galega apostando por experiencias punteiras e polo I+D+i”, salientou durante o mitin.

Bará fixo referencia na súa intervención a sectores importantes na comarca, como o naval ou a automoción, indicando que o primeiro paso para poder desenvolver todas as potencialidades e cubrir as necesidades do país é “ter nas nosas  mans” as ferramentas políticas e financeiras

Bará , ao igual que Ana Pontón,convidou  “aos que  queren a Galiza” a votar BNG  o vindeiro 26X e sinalou que no Congreso “debemos defender o respecto para o noso país”. E asegurou que o BNG será decisivo e determinante nun escenario no que non vai haber maiorías abdolutas.

Despexar Rajoy

Pola súa parte, a número dous da candidatura BNG-Nós por Pontevedra, Ana Miranda lembrou o traballo desenvolvido nestes anos no Congreso polo nacionalismo. Amosouse convencida de que este 26X Rajoy será desaloxado da Moncloa e que o BnG estará presente.

Callón insiste na transferencia da AP9 fronte a “amnesia” das forzas estatais

Callón fixo parte dun acto simbólico de protesto contra as peaxes. Denunciou a “amnesia selectiva das forzas estatais, que en campaña prometen sobre a AP-9 “o que non levan nin nos seus programas electorais nin defenderon no Congreso ao longo desta mini lexislatura fracasada, pese a que tiñan unha maioría para facelo”.

“É unha estafa que viaxar entre Ferrol e Tui percorrendo 200 quilómetros sexa o dobre de caros en peaxes que os 600 quilómetros que separan Vigo de Madrid”, dixo Callón.


 

Comentarios