28-M

Pontón apela a concentrar no BNG o voto inconformista e rebelde

A voceira do BNG apoia en Vigo Xabier Pérez Igrexas.
O mitin do BNG decorreu no Auditorio do Mar de Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O mitin do BNG decorreu no Auditorio do Mar de Vigo. (Foto: Nós Diario)

A campaña electoral do BNG recalou esta quinta feira en Vigo. Alí, a voceira nacional da formación, Ana Pontón, fixo un dobre chamamento “á mobilización e a concentrar no BNG o voto de todas as persoas que queren outro modelo de cidade, o voto de cambio, de rebeldía e de ilusión”.

A dirixente nacionalista apelou a mocidade “para que sexa motor de cambio para pór en marcha unha nova Galiza que pense na xente nova”. Nesta liña, contrapuxo a súa organización a un “PP desnortado e esgotado que non ten nada que ofrecerlle ao país, máis aló de escándalo e corrupción”.

Pontón afirmou que “o 28 de maio tamén vai de rexeneración democrática, de expresar nas urnas a indignación ante os que pensan que poden utilizar as institucións como se fosen súas; vai de expresar a rebeldía e o inconformismo e de reivindicar outra maneira de gobernar, como a do modelo municipal do BNG. Un modelo de éxito que pon en marcha concellos con calidade de vida, con orgullo, con futuro e profundamente democráticos, e este modelo é o que queremos estender por toda Galiza este 28 de maio".

O candidato nacionalista á Alcaldía da cidade, Xabier Pérez Igrexas, sinalou que “merecemos avanzar cara a un Vigo máis habitábel e verde, igualitario e socialmente xusto, que volva ser o pulmón industrial e produtivo de Galiza, que se referencie como vangarda cultural e que exerza o papel que nos corresponde como maior cidade galega: o de sermos motor de todo un país".

Na mañá desta quinta feira, Pontón visitou Ourense para amosar o seu apoio á candidatura encabezada por Luís Seara. Tamén desde a cidade das Burgas quixo dirixirse á mocidade, que "ten a chave para poder cambiar o concello de Ourense, co seu voto ten o poder de deixar atrás os escándalos e as corruptelas dese dúo letal que é Baltar-Xácome". "Pídolles que confíen no BNG para deixar atrás os que lles están roubando o sen futuro, porque canto máis medran o seus escándalos de corrupción, máis perde a mocidade".

Comentarios