Esixen menos "relato" e máis política

Pontón anuncia unha ofensiva social e institucional para defender os dereitos da Galiza ante Madrid

O BNG sinala que a “crise política do Estado e o centralismo” está a lastrar a economía e a democracia na Galiza e anuncia unha ofensiva social e institucional para defender os dereitos das galegas e dos galegos en Madrid. A executiva nacional da fronte, reunida esta segunda feira, acusa ademais as forzas estatais de “cortopracistas e incapaces de dar solución ás demandas da cidadanía”.
Ana Ponton
photo_camera Ana Ponton

Unha “ofensiva” social e institucional porá en marcha o BNG para defender os dereitos galegos ante Madrid. Así o anunciou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha comparecencia pública esta segunda feira 26 de agosto en que deu conta dos asuntos tratados na primeira xuntanza da executiva nacional da fronte após o período estival.

Pontón: "se a esquerda quere novas eleccións que sexa clara e diga que ese é o seu obxectivo”

“Levamos catro meses perdidos que deixan unha mensaxe moi clara: ou alzamos a voz e facémonos valer en Madrid, ou non haberá solucións”, afirmou a líder nacionalista.

Pontón denunciou que a Galiza está vivir “a peor crise demográfica da súa historia” e sinalou que o Índice de Produción Industrial (IPI) figura en retroceso, baixando as exportacións 10%, mentres que no estado subiron 1,7% e habendo máis empresas galegas en deslocalización, como acontece recentemente con R.

Ademais, engadiu, a nacionalista, “continuamos perdendo emprego industrial e tecido produtivo”. A ese respecto, Pontón afirmou que hai unha crise que afecta a sectores claves da nosa economía e que precisa solucións que non ofrecen nin PP, nin PSOE. “Estamos vendo o caso de Alcoa, onde o modelo enerxético do PP conduciu até aquí, e o PSOE non quixo cambialo, levándonos até unha situación límite e enganándonos con promesas sobre o estatuto das electrointensivas”, denunciou.

Desde o BNG reclaman menos “escenificación e relato” e máis política

Nesa liña, Pontón criticou que Alberto Núñez Feixóo, ante a débeda do Estado coa Galiza, siga queixándose sobre os 700 millóns retidos, “porque queixarse non chega”, recalcou, motivo polo que “o BNG reta o presidente da Xunta a presentar un recurso ante os tribunais, non só polos 700 millóns de euros, senón tamén porque o modelo de financiamento para a Galiza é inxusto”, denunciou a portavoz do Bloque.  

Pontón acusa o “bipartidismo cutre” de ser incapaz de dar resposta aos retos da Galiza

Desde o BNG, a súa voceira nacional denunciou duramente a parálise política do Estado produto do papel das forzas estatais que “día si día tamén demostran que están instaladas no curtopracismo, no partidismo cutre e na incapacidade para dar unha resposta ao momento que estamos vivindo”.

Así, Pontón describiu un mapa político após as eleccións xerais onde o Partido Popular “tenta branquear a extrema dereita antigalega, xenófoba e machista” e o PSOE con Podemos permanecen instalados no reproche e debate estéril”.

Desde o BNG reclaman menos “escenificación e relato” e máis política “con maiúscula como demanda a cidadanía”.

Pontón foi moi clara ao referirse á posibilidade de repetición electoral: “se a esquerda quere novas eleccións que sexa clara e diga que ese é o seu obxectivo”.

O BNG á ofensiva ante Madrid

A Executiva nacional do BNG acordou ante esa situación impulsar unha ofensiva social e institucional para defender os intereses da Galiza ante Madrid.

O BNG presentará a súa proposta articulada de novo modelo para financiar Galiza

Entre as medidas da iniciativa, Pontón salientou: esixir que o Estado pague as débedas que ten coa Galiza, 200 millóns de dependencia, 2.000 presupostados para AVE que non se executaron e o costes do porto exterior da Coruña, integramente.

Ademais engadiu que o BNG rexistrará  iniciativas lexislativas, para derrogar  todas as reformas que se impuxeron durante a crise e que limitan o noso autogoberno, incluídas “as que obrigan a que desde Madrid se nos diga cal é o teito de gasto da Galiza” e unha proposta no Parlamento, para que, antes de rematar o ano, sexa constituída unha ponencia para elaborar un novo modelo de financiamento. Pontón anunciou que o BNG presentará a súa proposta articulada de novo modelo para financiar Galiza.

Comentarios