Após o 28A a executiva nacional do BNG reuniuse para estudar o escenario político resultante. Ao remate da xuntanza, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, afirmou que da cita electoral das xerais confírmase un cambio de ciclo, do que sae un BNG en remontada e máis forte, “con máis empurre para afrontar os retos electorais inmediatos”, en referencia ao feito de que nacionalismo avanzase dobrando o seu número de votos respecto da anterior convocatoria electoral de 2016 e quedar ás portas de recuperar a representación nas Cortes.
Neste sentido, Pontón afirmou que o nacionalismo sae do 28A sendo unha organización mobilizada e con optimismo “ao comprobar que os galegos e as galegas volven ver no Bloque a forza capaz de abrir un tempo novo e construír unha Galiza mellor desde os concellos”. Aludiu así á solidez e cohesión do proxecto e á “man tendida a todas as persoas que pensan que Galiza debe ter forzas políticas propias” afirmou.
Conta atrás para Feixoo
“Se Feixoo quere que o mandemos á oposición, canto antes convoque eleccións mellor”, sinalou Ana Pontón
Pontón salientou que o 28A confirmou “o cambio de ciclo electoral” que se iniciou nas pasadas eleccións galegas e que sitúa o Bloque como forza decisiva “para abrir ese tempo novo que rematará cun cambio na Xunta”. De feito, Pontón afirmou que “xa comezou a conta atrás para que Feixóo deixe de ser presidente da Xunta”.
"Os resultados acadados polo PP son unha derrota sen paliativos que amosa“un Titanic que afunde”, afirmou Pontón
Desde o BNG valoran os resultados acadados polo PP como unha “derrota sen paliativos” que amosa “un Titanic que afunde”. Para Pontón, Feixoo carece de proxecto para este país e afirmou en relación á posibilidade de adianto electoral que “se quere que o mandemos á oposición, canto antes convoque mellor”.
A pesar de non lograren representación no Congreso, Pontón afirmou que o BNG pulará desde a cámara galega o debate territorial sobre que posición debe tomar Galiza no conxunto do Estado para evitar que o país quede atrás mentres outros territorios avanzan.
Consello Nacional do BNG
O sábado reunirase o Consello Nacional do BNG para arrincar os traballos das campañas municipais e europeas do 26 de maio. A este respecto Ana Pontón afirmou que desde a formación frontista sairán “a por todas coa confianza en que “a corrente de simpatía se estenda por todos os concellos para que sexan o motor do tempo novo que imos abrir en Galiza da man do BNG e para seguir tendo voz nas institucións europeas”, indicou.