Cumio municipal

Pontón afirma que só co BNG liderando a Xunta haberá garantía de cambio real

Após as eleccións locais do pasado 26 de maio outorgar o BNG unha remontada en apoios que lle deron 456 concelleiras e concelleiros en todo o país, a fronte nacionalista celebrou un cumio municipal para trazar as liñas de actuación común. Ana Pontón afirmou neste encontro que os concellos son unha peza chave na construción da Galiza, mais animou as e os concelleiros a "fuxir dos estériles localismos”. Convencida de que Feixoo “é o pasado”, a líder nacionalista proclamou que só o Bloque é garantía dun cambio real nese novo tempo político que levará o PP á oposición.

González, Da Silva, Pontón e Vilaverde no inicio do cumio municipal
photo_camera González, Da Silva, Pontón e Vilaverde no inicio do cumio municipal

Ana PontónAs eleccións municipais do 26 de maio deron unha remontada ao BNG en número de apoios en toda a Galiza que se traduciron en 456 concelleiras e concelleiros para a formación nacionalista. Co obxectivo agora de avanzar no debuxo das liñas comúns que guíen a acción política, o BNG celebrou este domingo 7 de xullo un cumio municipal que xuntou máis de 200 representantes locais da organización.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tomou a palabra para pór en valor a os concellos como peza chave na construción da Galiza, mais subliñou que o BNG "non é unha suma de organizacións locais", senón que é unha "organización nacional e cun un proxecto de país". Pontón animou as e os edís a fuxir dos localismos porque estes "só buscan dividirnos. Só buscan que non vexamos a Galiza como un conxunto, como unha nación”, afirmou.

Engadiu ademais a líder nacionalista sobre o localismo que este sempre se “usou polas forzas estatais para desdebullar a nosa identidade como galegas e xogar a unha división interna que nos fai un enorme dano como país".

En canto aos resultados do 26M, a portavoz nacional subliñou que o BNG foi ratificado como “un referente a nivel de política municipal" dotado dun "proxecto transformador" para as vilas e cidades.

Após a constitucións dos consistorios municipais, sobre aqueles onde o Bloque non participa do goberno, indicou Ana Pontón a importancia de tamén facer política desde a oposición. "A paciencia é unha virtude revolucionaria, non podemos perdela. O traballo desde a oposición é moi importante e ben feito dá os seus froitos. A oposición serve tamén para transmitir o noso discurso político", esgrimiu.

Convencida de que Feixoo é o pasado, a líder nacionalista proclamou que só o Bloque é garantía dun cambio real nese novo tempo político que levará o PP á oposición

Convencida de que Feixoo é o pasado, a líder nacionalista proclamou que só o Bloque é garantía dun cambio real nese novo tempo político que levará o PP á oposición.

“Para abrir este novo ciclo é condición necesaria desaloxar o PP, pero iso só non chega. Para abrir un novo tempo, o BNG ten que liderar a Xunta porque somos a garantía dun cambio real e transformador, de políticas ao servizo das maiorías sociais, capaces de enfrontar os cambios estruturais que a Galiza necesita”, explicou Pontón.

Pontón sinalou que “PP, PSOE e Podemos comparten un deseño centralista que nos prexudica como país”

Nese sentido, afirmou que as e os nacionalistas “ofrecemos algo único e importante: un proxecto de país, xenuíno e pensado desde a Galiza, que aposta por aproveitar o enorme potencial e a capacidade que temos”, recalcou.

Salientou ademais que a solución aos problemas polos que o país atravesa “non vai vir de fóra” da man de forzas españolas “que teñen convertido nun triste espectáculo a política estatal”. A ese respecto Pontón sinalou que se repite “a mesma historia, pois fálase de todo menos do problemas da Galiza e das solucións a eses problemas”, e engadiu que “PP, PSOE e Podemos comparten un deseño centralista que nos prexudica como país”.

Cara a un masivo Día da Patria Galega

A líder nacionalista chamou a facer do vindeiro 25 de xullo a primeira gran mobilización para impulsar o BNG e conquistar a Xunta en 2020 “logrando que nin unha soa persoa que queira cambio en clave de país quede na casa”. Pontón afirmou que  “a esperanza é o motor que hai que poñer a funcionar para transmitir que nada é imposíbel e que o avance do proxecto nacionalista é imparábel. Estou convencida que entre todos e todas imos conseguir este obxectivo”, proclamou.

Comentarios