Pontón afirma que a Galiza "gañou co BNG" na presentación do libro polo 40 aniversario da formación

"Moitos dos avances alcanzados neste tempo lográronse grazas ao empuxe do BNG, man a man cos sectores máis dinámicos da sociedade galega", afirmou a portavoz nacional do BNG.
Acto do BNG esta cuarta feira en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto do BNG esta cuarta feira en Vigo. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou esta cuarta feira na presentación do libro 40 anos ao servizo dá Galiza. BNG, 1982-2022, do politólogo Manuel Anxo Fernández Baz, e reivindicou "con humildade pero con orgullo" que a Galiza "gañou" coa formación nacionalista.

"Moitos dos avances alcanzados neste tempo lográronse grazas ao empuxe do BNG, man a man cos sectores máis dinámicos da sociedade galega", afirmou Pontón neste acto celebrado no Auditorio Mar de Vigo.

A portavoz nacional do Bloque aproveitou a presentación desta edición, que recolle os 40 anos de historia da formación para agradecer o labor de todos os militantes e simpatizantes durante catro décadas. Sen eles, dixo, "hoxe non seriamos a forza transformadora na que cada vez confían máis galegos e galegas para abrir un novo tempo neste país".

Para Pontón, o BNG conmemora o seu 40 aniversario "con máis forza que nunca" co récord propio de 19 deputados no Parlamento galego e co "mesmo" espírito co que naceu en 1982: "Sempre ao lado da Galiza, defendendo os intereses dos galegos e as galegas, confiando no país e coa man tendida a toda a cidadanía que quere construír unha Galicia con futuro, con igualdade e con poder de decisión".

Libro dos 40 anos da Galiza

O libro, editado pola Fundación Galiza Sempre, recolle os feitos históricos que marcaron o percorrido do BNG por estes 40 anos, desde os inicios electorais da formación, cando se converteu en terceira forza política no ano 1983, unha posición que lle valeu ser a referencia do nacionalismo, o cal se consolidou na década dos 90 coa integración de máis formacións políticas.

O encarceramento en 1989 de Francisco Rodríguez, acusado da queima dunha bandeira española en 1984, feitos que "nunca se puideron demostrar” e a "revolta" en Allariz protagonizada por Anxo Quintana, que foi alcalde e anos máis tarde alcanzou a vicepresidencia da Xunta.

O libro tamén fai referencia á década de "reflexión" que se abriu tras a asemblea de Amio en 2012, até o teito electoral en escanos das eleccións de 2020 con Ana Pontón á cabeza, obtidos con 311.340 votos, 23,8% de sufraxios emitidos.

No documento tamén se repasan as loitas sociais nas que se viu implicado o BNG, desde a defensa da sanidade pública, a feminista ou momentos tráxicos como o desastre do Prestige. Tamén se lembra o accidente do Alvia en Angrois en 2013.

Comentarios