Pontón afirma que o BNG sae o 5-A “a gañar o partido” fronte ao "historial de submisión" de Feixoo a Madrid

A portavoz do BNG anuncia que o 29 deste mes aprobaranse as candidaturas, que terán protagonismo feminino e que sumarán “renovación e experiencia”.

Ana Pontón trasladará mañá á Xunta medidas para paliar as consecuencias do coronavirus [Imaxe: BNG].
photo_camera Ana Pontón (BNG)

Ana Pontón preséntase ás eleccións galegas con “todas as gañas de liderar o cambio”, para “gañar o partido, non para empatar nin ficar en segundo posición”. A portavoz do BNG indicou esta segunda feira na comparecencia ante os medios que o BNG é un proxecto “sólido e consolidado”, que iniciou a elaboración das candidaturas cara ao 5-A, que serán aprobadas polo Consello nacional o 29 de febreiro canda o programa electoral.

As listas terán protagonismo feminino, avanzou. Esta semana decorrerán as asembleas locais para a proposta inicial de nomes, que parte duns criterios comúns e nos que Pontón considera que se vai reflectir o traballo consolidado ao longo destes catro anos no Parlamento da Galiza.

Será, dixo, unha candidatura de “excelencia, combinando renovación e experiencia" y con persoas procedentes "de todos os ámbitos e sectores que representen a realidade deste país". Persoas "honestas, competentes e solventes, reflexo do futuro da Galiza" que el BNG "quer construír".

Nestas candidaturas estará reservado un "papel moi destacado" para as mulleres, que son "palanca para desenvolver políticas de igualdade e feministas", coa incorporación de xente moza.

"Estou convencida de que haberá un respaldo moi importante", manifestou en referencia á equipa de deputados e deputadas que estivo nesta lexislatura.

“Petar na porta”

O BNG prepara unha campaña de "proximidade", de "falar moito e cara a cara coa xente, petando na porta”. As cidades terán un  “papel destacado” mais Pontón apunta a que esta será a “campaña das vilas”, nas que o urbano e o rural estarán presentes.

A respecto do programa electoral, a portavoz indicou que “está moi avanzado” en base ao traballo que está a ser coordinador polo membro da Executiva Nacional Rubén Cela e polos deputados Luis Bará e Olalla Rodil.

"En definitiva, presentarémos cos mellores candidatos e cun programa participativo e transformador, para sacar adiante este país dar o cambio que necesita Galiza.

Contra os “enganos” de Feixoo

Neste sentido, avisou ao PP e a Feixoo de que o BNG "non vai deixar pasar por alto" a "propaganda e o engano". Ao seu xuízo, ao presidente da Xunta "cústalle saír dese marco", pero considerou que os galegos "teñen dereito a unha campaña libre de mentiras".

Así, referiuse ás palabras do presidente sobre que é un candidato coas "mans libres" para rebater que, ao seu xuízo, é o candidato do "si bwana a Raxoi e a Casado". "Un recadeiro ao servizo dos intereses do PP, que permitiu cada unha dos ninguneos e discriminacións" a Galiza e que "non pode esconder este dez anos de submisión, porque simplemente non coa".

Pontón manifestou que é unha "gran mentira" que sexa o "candidato con mans libres" e apelou a darlle a "resposta que se merece o próximo 5 de abril". Así, denunciou que estivo "calado" cos "recortazos aos investimentos, os atrasos do AVE, o espolio enerxético e un sistema de financiamento que discrimina" Galiza. "Non hai campaña publicitaria que poida lavar ou ocultar a actitude do presidente da Xunta", advertiu Pontón.

Comentarios