Pontón advirte sobre os 'paracaidistas' en “busca de votos”

A portavoz nacionalista criticou as persoas candidatas das forzas estatais que veñen a Galiza en eleccións para facer “turismo electoral”.

PONTON E FERREIRO MITIN LUGO 3 (1)

No seu día Xabier Arzalluz alcumáraos como “paracaidistas”. O histórico dirixente do PNV recentemente falecido bautizara con ese cualificativo os líderes das forzas estatais que en época electoral caían por Euskadi a pedir o voto. Un alcume que triunfou na terminoloxía política e que a portavoz do BNG, Ana Pontón, sacou este sábado en Lugo no ato da formación nacionalista na cidade.

“Veñen facer turismo electoral e non se molestan en facer propostas para resolver os problemas que temos no país nin cando veñen aquí”, denunciou, tras criticar que o gran tema de campaña electoral nestes días sexa o debate a cinco entre os líderes das formacións españolas. Tirando de ironía, Pontón fixo un prognostico: “Non sei se apostar o meu coche porque estou segura que non o vou perder: Que nese debate no que participará a colección de machos alfa da política estatal, nin Pedro, nin Pablo, nin o outro Pablo, nin Rivera, nin o reconquistador van dedicar nin un só minuto a falar de Galiza. So queren o botín dos votos”.

Pontón lembrou que o BNG propuxo un debate con Feixoo e o resto das forzas galegas na TVG en horario de máxima audiencia para garantir que os temas que afectan a Galiza poidesen ser debatidos.

A portavoz nacionalista aproveitou o mitin central en Lugo para pedir o voto para un BNG “en remontada” e ser decisivo na política do Estado nun escenario sen maiorías absolutas.

Comentarios