Débeda do Estado coa Galiza

Pontón acusa PP e PSOE de poñeren en xogo servizos básicos

A portavoz nacional do BNG retou Alberto Núñez Feixoo a apresentar un recurso xudicial para que o Estado español pague a débeda contraída coa nación galega. Ana Pontón cifrou a contía adebedada en 3.000 millóns de euros, 200 millóns en dependencia e 2.000 en obras non executadas para mellorar o ferrocarril e o financiamento do porto exterior da Coruña.
Pontón e Prado coa equipa de goberno do Rosal
photo_camera Pontón e Prado coa equipa de goberno do Rosal

De “dantesco” denunciou Ana Pontón o papel que están a desenvolver PP e PSOE sobre o financiamento, e acusou ambos os partidos españois de poñeren en risco “por pura estratexia electoral” recursos que financian servizos fundamentais para a cidadanía.

Para Pontón esta “estratexia falida” responde á intención do PSOE de forzar o apoio da dereita á investidura. “Non deixa de sorprender que un partido que fixo campaña contra o “trifachito”, busque unha pata de apoio desa dereita”, sinalou.

Nese sentido, Pontón afirmou que a Xunta carece dunha estratexia propia e acusou Feixoo de contradicirse e “amagar un día con levar o Estado aos tribunais, e á hora da verdade pregarse á estratexia marcada pola dirección do PP dende Génova”.

Así, a líder nacionalista retou Feixoo a apresentar un “recurso xudicial contra o Estado para que a Galiza cobre a débeda” e pediulle que defenda o pago de 200 millóns de euros para dependencia, 2.000 millóns para obras non executadas para melloras do ferrocarril e o financiamento do porto exterior da Coruña. En total Pontón sinalou que o Estado debe á Galiza 3.000 millóns.

"A Galiza precisa “dun presidente que actúe pensando primeiro nos intereses de todos os galegos e galegas", sinalou Pontón

Ademais, recalcou que a Galiza precisa “dun presidente que actúe pensando primeiro nos intereses de todos os galegos e galegas e menos nas directrices que lle marca o PP desde Madrid”.

Por outra parte, asegurou que o PP debe comezar a recoñecer o gran erro do actual modelo de financiamento, un modelo en que “a chave dos cartos do noso país está en Madrid”. Frente a ese sistema, Pontón contrapuxo as medidas do BNG encamiñadas para que sexan as galegas e galegos quen “teñan a chave dos seus cartos”.

Pontón realizou estas declaracións na súa visita ao concello do Rosal, onde mantivo un encontro coa alcaldesa Ánxela Fernández, quen o pasado 26 de maio logrou para o BNG a súa primeira alcaldía neste concello e fíxoo ademais con maioría absoluta. Pontón amosouse convencida de que a nova alcaldesa nacionalista responderá con “traballo e rigor” ás necesidades dos veciños e veciñas cun programa transformador como o que se está aplicando nos concellos gobernados polo BNG, entre os que nomeou como referente o concello de Tomiño.

“A veciñanza fixo unha aposta polo nacionalismo para colocar O Rosal no mapa”, asegurou Pontón

“A veciñanza fixo unha aposta polo nacionalismo para colocar O Rosal no mapa”, asegurou Pontón, quen destacou que a “marca BNG”, cando chega ás institucións, implanta medidas para dinamizar a económica, defender a cultura e o patrimonio e, sobre todo, “mellora a  calidade de vida dos veciños e veciñas”.

Comentarios