Pontevedra vese referente para a obrigada reinvención das cidades na era posCovid

A pandemia obriga a repensar os modelos de cidade ao evidenciarse a insalubridade de urbes onde o espazo público está ao servizo dos coches, onde prima o asfalto e non hai zonas verdes e reina a febre dos centros comerciais. E oposto a isto, Pontevedra é exemplo para a era posCovid.
A restauración da ponte medieval do Burgo, que agora é peonil, culminou neste mandato (Foto: Concello de Pontevedra)
photo_camera A restauración da ponte medieval do Burgo, que agora é peonil, culminou neste mandato (Foto: Concello de Pontevedra)

Se a cidade do Lérez xa se reivindicaba como urbe modelo antes da pandemia, premiada en varios continentes pola súa aposta pola sostibilidade ambiental, a economía local e por colocar o espazo público ao servizo das persoas; moito máis o fai agora, cando a pandemia demostrou que a maioría das cidades non estaban pensadas para a xente. "Quen nos ía dicir que seríamos a cidade máis solicitada para falar en foros internacionais sobre o futuro das cidades na era posCovid?", pregúntase a portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías (BNG), en conversa con Nós Diario con motivo do ecuador do mandato do Executivo local.

Gulías, ilusionada pola nova compra no convento de Santa Clara, que permitirá recuperar ese espazo da cidade para a veciñanza, considera que o Goberno amosou "solvencia" na pandemia. Destaca a aprobación do orzamento municipal, con máis de 100 millóns de euros, "convencidos da necesidade de investir nos proxectos que máis van tirar da cidade para reactivala economicamente".

A nacionalista subliña a importancia de "ter un plan para impulsar Pontevedra" que foi posíbel grazas "á xestión ben feita nos anos anteriores, o que permitiu contar agora co maior investimento de recursos públicos da historia", e por ter un equipo de Goberno "cohesionado" e o liderado do alcalde Miguel Lores, "que se puxo con mais ilusión que nunca para sacar Pontevedra adiante".  

Facendo balance destes dous anos, Gulías destaca o gasto en saneamento e abastecemento de 58 millóns de euros co contrato da auga, que vai permitir que Pontevedra teña todas parroquias cubertas e practicamente a totalidade do territorio municipal.

"Temos reformas en case todos os barrios para mellorar a calidade de vida da veciñanza", di, pondo como exemplo o investimento de tres millóns de euros en Loureiro Crespo ou as obras no Gorgullón, "que se atopaba nunhas condicións que non se correspondían cos estándares de calidade que temos na cidade". Repara ademais na Ponte do Burgo, "unha grande actuación" concluída neste mandato "que permite agora conectar o barrio do Burgo co centro da cidade e traballar tamén no Camiño de Santiago". 

Un cogoberno sincronizado

A pandemia puxo as cousas moi difíciles, recoñece o tenente de alcalde e portavoz do PSdeG, Tino Fernández. "Asuminos o gasto de competencias doutras Administracións, sen contar con ningunha axuda, como na limpeza extraordinaria dos colexios, que é responsabilidade da Xunta", explica. 

O socialista enxalza que "o Goberno municipal traballou sincronizado ante a pandemia" e, en canto á economía, destaca o programa Ponte Lovers de dinamización do comercio local. Tamén as axudas directas a autónomos e comerciantes do Programa Supera 20, con 1,2 millóns de euros. "Agora xa estamos na segunda edición, con 1,6 millóns". O programa ten tamén unha liña que aboa a cada estudante 400 euros na compra dun ordenador.

De cara á segunda parte do mandato, cita como compromisos: completar a rede de campos de fútbol no rural, seguir destapando e recuperando o río Gafos, mellorar as marxes do Lérez... Aliás, valora moi positivamente a entrada dos socialistas no Executivo -no anterior mandato gobernou o BNG en solitario-. "Achegamos dinamismo e damos estabilidade a un Goberno que estaba en minoría. O Goberno gaña", conclúe. 

O PP ve Lores esgotado

Se nunha cidade é precisa a figura dun líder, nunha crise faise moito máis necesaria, di o voceiro municipal do PP, Rafael Domínguez. Porén, o popular ve o alcalde sen ideas e “desaparecido”. O Goberno non "levou a cabo ningunha medida económica para paliar a crise", salienta.

De facto, critica que no Plan Supera 20 non se chegase a dar “nin 30% do orzamento previsto” e que do Plan Supera 21 nin se publicaron as bases nin se compraron os ordenadores que se tiña previsto entregar a estudantes. 

No económico lamenta que “non se baixasen impostos aos sectores prexudicados” pola crise nin se "subise o gasto social”.  As propostas na pandemia viñeron do PP, afirma, citando a redución de impostos, as axudas á hostalaría e un programa de choque social de 17 millóns, “mais o Goberno négase sempre” ás nosas propostas. 

Novos retos: recuperar máis espazo para as persoas, zonas verdes e impulsar a economía

A recuperación para a veciñanza do convento de Santa Clara e a recuperación do anel verde periférico da cidade, dentro da aposta pola sostibilidade, son centrais para Anabel Gulías, que salienta a recuperación nestes dous anos dos parques da Toba e da Fracha. Na foto vese a marca Capital Gastro, o programa que Tino Fernández asegura que converterá a cidade en referencia mundial gastronómica.

capital gastro pontevedra

Comentarios