domingo 27/09/20

Nove cidades do Estado, entre elas Pontevedra, rexeitan o acordo sobre remanentes locais

Reclaman autonomía municipal para o seu uso.
Pontevedra (Xaquín Soliño)
Pontevedra (Xaquín Soliño)

O concello de Pontevedra lidera, a canda outras nove cidades do Estado, o rexeitamento ao decreto-lei que recolle o acordo entre o Gobierno e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para a liberación dos remanentes e o uso do superávit das entidades locais.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reuniuse onte cos rexedores de Bilbao, Cádiz, Granada, Lleida, Madrid, Murcia,  Santa Cruz de Tenerife, Zaragoza e Reus para poñer por escrito as demandas que xustifican a súa posición e que agora lle van trasladar ao  Ministerio de Facenda.

Segundo explicou Fernández Lores, a xuntanza telemática que mantiveron os rexedores xirou arredor do "rexeitamento a este decreto-lei que consideramos inxusto, discriminatorio e que viola a autonomía municipal".

Malia representaren cidades con diferentes realidades financeiras, os dez municipios reunidos chegaron a un consenso para que o alcalde pontevedrés resumiu na demanda dunha financiación directa, independentemente da situación económica de cada Concello, para afrontar os efectos da Covid-19, que teña en conta a autonomía municipal á hora de definir a que se destina. Así mesmo, defendeu o uso de remanentes sen limitación, para aqueles Concellos que os teñen, ademais da necesidade de levantara a aplicación da regra de gasto, do concepto de déficit e de estabilidade durante o exercicio 2021 e de facilitar o acceso das entidades locais aos fondos europeos, "posto que se coñece que o Estado recibirá 140.000 millóns de euros pero non se sabe canto van recibir os Concellos".

Miguel Anxo Fernández Lores lembrou que a súa posición a respecto desta cuestión "xa é coñecida, e pasa pola derrogación da Lei Montoro que afecta á regra de gasto, ao déficit e estabilidade financeira". Tres cuestións "estrangulan" o funcionamento dos Concellos. "Nós estivemos respectando a Lei Montoro, o que nos imposibilitou facer investimentos e dar servizos aos cidadáns para aforrar cartos, e agora incáutanolos o Estado", censurou. No caso de Pontevedra, arredor de 20 millóns de euros de liquidez, sinalou o alcalde.

"Non é xusto que o Estado, que durante todos estes anos aumentou dunha a débeda de forma exponencial, veña agora incautarse do noso peto, nesta situación de emerxencia social e económica", concluíu Lores.

comentarios