Pontevedra pelexa polos fondos da Covid-19

A batalla dos concellos co Ministerio de Facenda entrou nunha nova fase.
O nacionalista Miguel Lores goberna a cidade desde 1999
photo_camera O nacionalista Miguel Lores goberna a cidade desde 1999.

Após a decisión do Congreso dos Deputados de non validar a proposta de real decreto sobre remanentes, concellos de todo o Estado volveron reclamar ante o Ministerio de Facenda a apertura dun proceso de diálogo, “co obxecto de iniciar novas negociacións que permitan estabelecer criterios de reparto dos fondos baseados na igualdade e na solidariedade”, atendendo aos factores empregados cos Gobernos autonómicos.

O Concello de Pontevedra participou hoxe dunha xuntanza telemática xunto con 29 concellos máis de todo o Estado, cuxas alcaldías ostentan até 13 formacións políticas distintas, para abordar a nova proposta de real decreto formulada polo Ministerio de Facenda sobre o reparto de fondos a entidades locais para paliar os efectos da Covid-19.

No marco da mesma, os representantes locais demandaron, tamén, “que no futuro decreto se garanta que as entidades locais poidan participar como beneficiarias dos fondos europeos”.

Os rexedores municipais discreparon da nova proposta formulada polo Ministerio de Facenda. Neste sentido, cualificárona de “insuficiente”.

Apostaron nunha “nova negociación” baseada nos “acordos acadados por unanimidade no interior da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) os pasados 2 de abril e 22 de maio.

Optaron así por reclamar ao Goberno de España que arbitre un sistema de axudas a todos os concellos que permita facer fronte ás dificultades económicas ocasionadas pola crise sanitaria do coronavirus, con especial atención ao fondo non condicionado de 5.000 millóns e ao de 1.000 millóns destinado especificamente ao transporte”.

“Estas axudas son imprescindíbeis para que os concellos sigan prestando os seus servizos”, conclúen.

Comentarios