Pontevedra non aceptará o teito de gasto imposto por Madrid e incrementará o investimento produtivo

O goberno local volve declararse insubmiso. O concelleiro de Facenda, Raimundo González (BNG), indicou que as contas locais para 2014 superarán o teito de gasto imposto por Madrid. "É cuestión de vontade política", asegurou, "queremos facer uns orzamentos investidores". 

photo_camera Concello de Pontevedra

"Non imos pasar polo funil do teito de gasto que nos queren impor". Así de taxativo se amosou o concelleiro de Facenda de Pontevedra, Raimundo González Carballo (BNG), ao anunciar que a administración local superará os límites estabelecidos desde o goberno español. Desta maneira, as contas que está a deseñar o Concello prevén un gasto de 67 millóns de euros --fronte aos 61 e 62 millóns fixados por Madrid. 

O Concello pechou os exercicios anteriores "con remanente líquido de tesourería" e reduciu a débeda bancaria

Para a equipa de goberno municipal, esta forquita "é inasumíbel", indicaron, pois suporía introducir recortes a respeito do exercicio anterior. "Ao contrario que a Xunta e o Estado", explicou González Carballo, "queremos facer uns orzamentos expansivos, investidores" que rebaixen, iso si, "o que temos que pagar para amortizar a débeda". 

Reducir as partidas financeiras e aumentar o investimento público

Neste senso, fronte ao notábel incremento que o goberno da Xunta de Galiza introduciu nas partidas orzamentarias destinadas ao pagamento da débeda e xuros --un 17,5% máis que en 2013-- en Pontevedra a débeda descendeu, o que lle permitirá á administración liderada polo nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores amortizar medio millón de euros menos que no anterior orzamento. 

O concelleiro de Facenda indicou que a medida prevé devolver á economía local boa parte dos seus fondos para promover a creación de emprego

Perante esta realidade, o Concello aumentará as partidas destinadas ao pagamento do lixo, a auga ou a enerxía eléctrica. Manterá os gastos de persoal ou as transferencias correntes e reducirá en materia de comunicación, servizos postais ou gasto corrente xeral. 

Crear emprego, o obxectivo principal

"O que sempre mantivemos", salientou o concelleiro de Facenda, "é non gastar o que non temos". Unha premisa empregada como mantra pola dereita galega e española, mais que en Pontevedra adquire un significado ben distinto. "Por iso", acrecentou, "sempre pechamos os exercicios con remanente líquido en tesourería", algo que non acontece habitualmente noutras administracións. 

Desde o goberno local aseguran que "non tocarán o gasto social" pois, din, "non imos furtar aos pontevedreses a posibilidade de que devolvamos á economía local os cartos que poidamos" porque "impulsar os investimentos" inflúe de maneira directa, aseguraron, "na creación de emprego, e ese é o obxectivo principal". 

Comentarios