MIGUEL ANXO FERNáNDEZ LORES

“En Pontevedra demostramos que a política serve para transformar a realidade para ben”

O candidato do BNG-Asembleas Abertas en Pontevedra pide a confianza cidadá para, “partindo do moito que se fixo”, dar agora “un novo salto adiante” para a cidade.

- A piques de finalizar a campaña electoral, que sensacións percebe?

- Sensacións moi boas, teño a percepción de que unha gran maioría da cidadanía valora o traballo feito nestes anos e quere que sigamos con este proxecto de futuro. Hai un aumento da auto-estima por ser de Pontevedra e hai un aprezo polos avanzos e as apostas feitas nestes mandatos.

- As enquisas apuntan a que tería a maioría absoluta na man...

- Nós temos 11 concelleiros, os mesmos que o PP, que foi nas municipais de 2011 primeira forza por 114 votos. Así que fomos a segunda forza en Pontevedra. Nestes catro anos demos un pulo importante no modelo que impulsamos de cidade, tanto na cuestión da redución do tráfico como no apoio ao comercio local, nos espazos naturais ou en traballar no benestar dos veciños. E creo que os cidadáns teñen esa percepción das cousas que se fixeron, agora hai que ver se iso ten traslado ás urnas. Que algunhas sondaxes nos dan maioría absoluta? Nós aspiramos a ser a candidatura máis votada o 24 de maio e non nos poñemos límites. Mais non está todo feito, e é importante que ninguén fique na casa o domingo. Temos a oposición de todos os partidos e a xente debe saber que se gañan outros o modelo de cidade no que vimos traballando e avanzando desde hai anos non vai ser o deles.

"Nós aspiramos a ser a candidatura máis votada o 24 de maio e non nos poñemos límites. Mais non está todo feito, e é importante que ninguén fique na casa o domingo"

- A diferenza doutras cidades, e segundo enquisas e sondaxes, a irrupción das coñecidas como ‘marés’ ou candidaturas ‘municipalistas’ en Pontevedra non chega a callar. A que considera que se debe?

- Este goberno local tivo claro sempre de lado de quen está, e ese lado non é precisamente o dun sistema que empobrece a todos para enriquecer a uns poucos. Desde aquí traballamos para facer na realidade o que outros só din en teoría, un modelo máis democrático e xusto, que é o no que queremos ir avanzando. A nós non nos poden dar leccións, máxime cando atopamos nesas marés a forzas políticas que pactaron a Transición e que agora falan de ruptura. A nós nesas non nos colleron, mantivemos unha posición clara sempre e así o dixemos, contra a Constitución española ou contra a Unión Europea.

- Hai dous anos manifestou que estaba disposto a optar a un quinto mandato. Que lle falta por completar aos 16 anos que leva gobernando?

- Valoramos moi positivamente o feito. Mais, con toda humildade, creo que este mandato vai ser para dar ese importante gran salto adiante en calidade. Queremos estender a todos os barrios e ao rural o modelo de Pontevedra, é algo necesario e no que xa comezamos a traballar. Queremos avanzar no tratamento do lixo, pois seguimos enviando os camións a Sogama e nós estamos por outro modelo, de aí o noso plantexamento da planta de compostaxe. Traballar para dotarnos de máis infraestruturas e equipamentos, por exemplo no deportivo, onde Pontevedra é unha cidade de referencia, cun importante deporte de base. E unha cousa que si considero importante é o do posicionamento internacional de Pontevedra como cidade referente.

"Desde aquí traballamos para facer na realidade o que outros só din en teoría"

- A que se refere?

- Recibimos galardóns internacionais que recoñecen o noso modelo, temos convites de todo o mundo a xornadas e conferencias para partillar e falar do noso proxecto de cidade, expertos estudan o noso modelo... todo iso témolo que aproveitar porque é unha potencialidade incríbel a nivel internacional. Gostaría que alguén que veña a Portugal, ao Estado español, teña en mente achegarse até Pontevedra para coñecer un modelo que é admirado e valorado en moitas cidades do mundo.

- Como non pode faltar nunha campaña municipal en Pontevedra, a cuestión de ENCE tamén apareceu nesta

- ENCE encargouse ben de ir colocando no seu Consello de Administración a xente con influencia no Partido Popular, aí están un ex-ministro ou un ex-conselleiro. Hai un pacto PP/ENCE. A pasteira ten que marchar e a data era 2018, eles sabíano e tiveron 30 anos para procurar outro emprazamento. Manter ENCE onde está é unha agresión ambiental, é imposibilitar un desenvolvemento harmónico da enseada de Lourizán e é impedir a recuperación da Ría, que xeraría máis emprego que ENCE. Mais desde a administración o único que se fai é darlle regalos a ENCE, como que se lle condona o 95% do canon de saneamento.

"Valoramos moi positivamente o feito. E pedimos un novo mandato para dar ese importante gran salto adiante en calidade"

- Hai un consenso moi amplo sobre a transformación para ben experimentada pola cidade de Pontevedra. Mais hai voces que sinalan que non se fixo un traballo igual nos eidos máis ‘sociais’..

- Iso non é certo, Estamos nun marco de crise e iso ten consecuencias graves, e require respostas que non sempre se poden dar desde os concellos. Mais, por exemplo, que se diga que é a cidade con máis paro... Convido a ler o recente informe de Expansión no que se analiza o desemprego a través de variabeis como o paro rexistrado, altas na Seguridade Social, poboación activa... e sinala que en Pontevedra temos un desemprego do 17%, dándolle a outras cidades galegas máis porcentaxe.

Despois, en Pontevedra non hai unha persoa con dificultades que non teña o apoio de emerxencia deste concello. Activamos programas como o ‘protocolo do frío’ en inverno a través de convenios con pensións e hostais para que ninguén durma na rúa. No verán traballamos para que os nenos daquelas familias con dificultades teñan garantidas as comidas malia non haber comedores escolares,... son só dous exemplos. Fixemos esforzos por aumentar o investimento social.... non, non é certo que non demos prioridade ao ‘social’.

"ENCE encargouse ben de ir colocando no seu Consello de Administración a xente con influencia no Partido Popular. Hai un pacto PP/ENCE"

- Catro mandatos aumentando apoio en cada unha das eleccións e pode chegar a esta quinta con maioría absoluta, cal é a pócima máxica de Lorix?

- Pois que somos un goberno serio e responsábel, que temos un concello saneado e altamente participativo, que priorizamos. Os pontevedreses están orgullosos da súa cidade, e iso nótase. A política debe servir para transformar a realidade para ben, e en Pontevedra demostrámolo.

- Se sae e de novo alcalde do 24 de maio vai ser o maior cargo institucional que ten o BNG. Que retos ten o nacionalismo ás portas dunhas eleccións xerais e poucos despois as autonómicas?

Estou convencido e acredito naquelo de que “non virá de fóra remedio ou esperanza” [versos de ‘Viaxes ao país dos ananos’ de Celso Emilio Ferreiro] Temos que ter confianza no país, como aquí tivemos en Pontevedra. Debemos avanzar, traballar, saber no que cremos e o que queremos facer, escapando de saltos no baleiro.

Comentarios