Pontevedra conxela taxas e impostos por sétimo ano

Pontevedra conxela as taxas e impostos municipais por sétimo ano consecutivo.

pontevedra
photo_camera O Goberno local de Pontevedra conxela cinco impostos e 20 taxas municipais para os orzamentos do próximo exercicio.

O Concello de Pontevedra conxelará as taxas e impostos municipais por sétimo ano consecutivo, segundo anunciou hoxe o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, quen destacou que a cidade do Lérez ten unha das presións fiscais máis baixas de entre as capitais de provincia do Estado e de entre as cidades con máis de 20.000 habitantes.

Após a Comisión de Economía e Facenda decorrida esta cuarta feira, o concelleiro responsábel da área compareceu en rolda de prensa para informar do acordo adoptado polo Goberno local do rexedor Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) para conxelar os cinco impostos e as 20 taxas municipais para os orzamentos do próximo exercicio. "Todas elas van permanecer inalteradas, non se vai tocar absolutamente ningunha", asegurou González.

Do incremento dos ingresos nos orzamentos de 2021, o edil sinalou que isto se derivará da actualización de censos e pola persecución da fraude fiscal.

Ocupación da vía pública

Nese sentido, adiantou que se revisará a taxa de 1,5% de ingresos por ocupación de vía pública das grandes empresas, debido a que non se realiza a inspección destas compañías desde hai cinco anos. Esta revisión afectará fundamentalmente a empresas subministradoras de servizos de telefonía, electricidade e gas.

"Non o facemos porque teñamos sospeita ningunha, senón porque cremos que é bo facer controis cada certo tempo", indicou o edil nacionalista Raimundo González.

Respecto ao orzamento de 2021 salientou dúas "dificultades" relacionadas con decisións do Goberno estatal. A primeira refírese ao ingreso de case 20 millóns de euros, que segundo González "neste momento non sabemos se manterán esa contía ou non". A segunda é relativa á incerteza sobre o incremento da retribución ao funcionariado público, xa que nos últimos tres anos había un acordo entre o Goberno e os sindicatos para ir aumentándoo.

Comentarios