Pontevedra aproba os orzamentos de 2022, que medran 6,4%

"Son as contas máis altas da historia de Pontevedra", salientan desde o Goberno local.
Miguel Anxo Fernández Lores nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

O pleno do Concello de Pontevedra aprobou esta sexta feira en sesión extraordinaria os orzamentos municipais para o ano 2022, cos votos a favor do BNG e o Partido Socialista, en contra do Partido Popular e a abstención do concelleiro non adscrito. Ascende a 85.903.000 euros, o que supón un incremento de cinco millóns de euros, 6,4% máis que as contas vixentes.

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González Carballo, defendeu o "orzamento máis alto da historia de Pontevedra", aludindo ao seu carácter "tremendamente expansivo" baseado, explicou, na aposta na mellora dos servizos públicos e o incremento da partida de investimentos en case 20%, pasando de 10,2 millóns en 2021 até os 12 millóns en 2022.

A respecto dos servizos públicos, Raimundo González incidiu na mellora do servizo de limpeza e tratamento de residuos municipais, que na actualidade ten un custo duns 8,2 millóns de euros. A nova xestión de todos os contratos relativos a este servizo —limpeza de colexios, de dependencias, desratización, limpeza viaria e tratamento de residuos sólidos urbanos— suporá máis de 12 millóns de euros.

Aliás, o responsábel de Economía referiuse ao incremento da partida de mantemento de xardíns e outras zonas verdes, que pasará de 630.000 euros a 1,2 millóns. O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas con dependencia tamén experimentará un aumento de 54%. O orzamento actual consigna 1,7 millóns de euros e pasará a 2,6 no do próximo ano. Pasarase de prestar 120.000 horas a case 200.000 horas.

Ademais, os servizos relativos ao mantemento urbano experimentarán unha suba destacada. O mantemento das instalacións eléctricas vaise duplicar, o sostemento dos espazos públicos rexistrará un incremento de 35%, e asinarase por vez primeira un contrato de mantemento de parques forestais por valor de 130.000 euros. González Carballo aclarou que na situación económica actual, con reiteradas subidas de distintos servizos como a enerxía eléctrica e a conxelación das taxas e impostos municipais desde hai 8 anos, este orzamento "parece un milagre bíblico".

Emenda á totalidade do PP

A emenda á totalidade do Partido Popular foi rexeitada cos votos do Goberno local —BNG e PSOE— mentres que o concelleiro non adscrito abstívose. O portavoz do grupo municipal do PP, Rafa Domínguez, alegou que estes orzamentos "non son bos" para a cidade ao ser "improvisados" e estar "afastados da realidade".

Domínguez cre que "o alcalde perdeulle o pulso aos veciños", o que, ao seu xuízo, está reflectido no "investimento baixo" das contas municipais ou no "abandono do rural". Ademais, acusou o Goberno local de "esquecerse á mantenta de Monte Porreiro", algo que cualificou de "vinganza".

O portavoz popular fixo especial fincapé en dúas partidas: Servizos Sociais e Igualdade, que se reducen 6,85 e 11,35% respectivamente, apuntando que estes orzamentos "desdeñan a igualdade" e "abandonan aos que máis o necesitan". O concelleiro de Facenda reprochou ao Partido Popular que "llo curró pouco con esta emenda" xa que, presentaron un " panfletito" que está "infestado de faltas de ortografía" no que argumentan utilizando "noticias falsas" polo que, o edil nacionalista, esixiu ao PP "un pouco máis de rigor".

Raimundo González Carballo lamentou a "falta de ideas" do Partido Popular, ao afirmar que Rafa Domínguez é "o peor portavoz da oposición" que tivo o Concello de Pontevedra. O portavoz do grupo municipal do Partido Socialista, Tino Fernández, destacou que no goberno local "está a facelo ben" e "os resultados están aí". "Seguimos avanzando na folla de roteiro que nos marcamos cando asinamos o acordo de goberno", remarcou, porque, engadiu son "ambiciosos" e teñen "claro" o que queren.

Comentarios