A Estratexia Galega de Economía Circular contén oito eixos de actuación prioritaria que, a modo de liñas programáticas, marcan o camiño para reducir o volume de residuos que se xeran na actividade produtiva e económica e mais no consumo.
O obxectivo desta estratexia é facer avanzar na Galiza un novo modelo económico, produtivo e social que transforme a actual economía lineal nunha de carácter circular. Así, márcase o reto de diminuír a produción de residuos e de reutilizalos para xerar outros bens, dándolles segundas vidas. A redacción da Estratexia Galega de Economía Circular nace da colaboración entre a Xunta e as tres universidades galegas para dar cumprimento ás directrices europeas nesta materia. Os concellos do país teñen un mes para realizaren achegas ao texto.
O horizonte para acadar os obxectivos enumerados nos oito eixos desta estratexia sitúase en 2030, mais a cidade de Pontevedra atópase por diante dos criterios marcados nos tres aspectos que son de competencia municipal. A cidade do Lérez ponse así á vangarda nesta estratexia, pese a que desde o propio Goberno municipal cualifícana de ser un documento “moi timorato”, sobre todo ao ter en conta que a Galiza ten un elevado volume de xeración de residuos, de produtos que se usan e se lixan, aos que non se lles procura unha segunda e terceira vida útil e que repercuten negativamente na saúde das persoas, elevando os niveis de contaminación en terra, ar e mar, tal e como sinala a Sermos Galiza o concelleiro pontevedrés de Ordenación do Territorio e Mobilidade, César Mosqueira Lourenzo.
As directivas europeas nesta liña foron reiterademente esquivadas por gran parte dos gobernos, até a chegada da Directiva Marco de Residuos de 2008, que xa tiña un carácter máis estrito. En 2015, a Comisión Europea comezou a desenvolver o Plan de Acción para a Economía Circular baixo o lema “Pechar o círculo”, posuíndo xa un carácter de obrigado cumprimento, polo que o Estado español e a Galiza iniciaron os traballos de diagnose do sistema produtivo e da economía actual co obxectivo de estabelecer os eixos prioritarios de actuación.
As propostas que contén cada eixo de actuación precisan da implicación da administración pública, do tecido empresarial e da cidadanía para alcanzar a economía circular no que ten a ver con recursos como a auga, o ar, a enerxía, os alimentos, o solo e os residuos. O período marcado para cumprir os obxectivos que recolle cada eixo é de 10 anos (até 2030).
Pontevedra adiántase ao prazo marcado pola Xunta
A estratexia galega recolle oito puntos para alcanzar en 2030 un modelo de economía circular onde os residuos teñan unha segunda, terceira e sucesivas vidas. Eses eixos son: Eco-deseño, Actividades e modelos de servizo, Educación e sensibilización, Industria, Produción de alimentos, Urbanismo, edificación e obra pública, Xestión do ciclo da auga e Xestión de residuos. De todos eles, o Concello de Pontevedra xa cumpre a día de hoxe con aqueles tres principais de competencia municipal. Desta maneira, a cidade do Lérez sitúase xa na meta no que ten a ver cos puntos de urbanismo, compostaxe e xestión do ciclo da auga.
[Podes ler a información íntegra no número 360 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]