Ponteareas pretendeu triplicar a contribución urbana para pagar as débedas

O grupo municipal do BNG acusa o alcalde de “enganar a xente” cun Plan de Axuste “que pretende que os veciños paguen os falcatruadas do PP.
González Solla, alcalde de Ponteareas
photo_camera González Solla, alcalde de Ponteareas

O Portavoz do BNG, Xosé Represas, advertiu que o Plan de Axuste presentado polo alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, “pretendía que os veciños pagasen mediante a suba de impostos os desmáns do PP durante décadas de enchufismo, corrupción e dilapidación” . O portavoz nacionalista citou como exemplo a suba no Imposto de Bens Inmobles, coñecido como contribución urbana. “En 2010 o PP subiu de forma espectacular o imposto, incluíndo centos de propiedades que non son urbanas de forma fraudulenta. Coa suba que propuña o PP no plan de axuste, o incremento acumulado en só 3 anos sería de máis do triplo, polo que unha familia que en 2009 pagaba 100 euros anuais pasaría a pagar 326”, asegurou.

Máis de 18 millóns en débedas
Represas revelou que “a día de hoxe as débedas superan os 18 millóns de euros cando o concello só ingresa anualmente 11 millóns. E isto é a herdanza deixada polo PP tras décadas gobernando”. Represas considerou “cómicas” as declaracións do alcalde nunha entrevista nun medio de comunicación na que responsabilizou o BNG de xerar 4.000 euros de déficit nos seus 11 meses de goberno. O portavoz nacionalista aclarou que “no goberno do BNG non se gastou máis do que se ingresou, e na maioría deses 11 meses o Estado retivo o 100% dos ingresos do Concello para pagar as débedas creadas anteriormente polo PP coa Seguridade Social e Facenda. Mais aínda así resulta patético que o Alcalde acuse o BNG de deixar unha débeda de 4.000 euros nun total de 18 millóns de euros que hoxe asfixian Ponteareas”.

Segundo Represas a “crítica situación do Concello” débese a que “temos un alcalde e un PP incompetentes"

Sen contar coa oposición
Represas desmentiu as declaracións do Alcalde nas que afirmaba que estaba negociando coa oposición o plan de axuste. “Co BNG nin negociou nin está a negociar nada, o que demostra que non quere solucionar o problema. Prefire seguir de alcalde cobrando un bo soldo e botando culpas aos demais”.
Xosé Represas reiterou que a “crítica situación do Concello” se debe a que “temos un alcalde e un PP incompetentes e incapaces de chegar a acordos coa oposición. E temos un partido socialista que tras dar a alcaldía a Solla, nin apoia o goberno nin apoia unha moción de censura”. Para o BNG a solución á “situación de ingobernabilidade” pasa “ou pola dimisión do Alcalde ou por unha moción de censura”.

Comentarios