O alcalde de Ponteareas négase a dimitir e insta á moción de censura

A reprobación do rexedor (PP) saíu adiante nun pleno extraordinario celebrado esta quinta feira. González Solla seguirá a gobernar en minoría, agora sen ningún apoio, entrementres o PSOE e independentes están de acordo nun novo goberno con rexedor nacionalista, ao ser o BNG o partido máis votado

O concello de Ponteareas debateu esta quinta feira nun pleno extraordinario unha moción presentada polo BNG pola que os partidos da oposición emprazaron o alcalde, Salvador González Solla (PP), que goberna en minoría, a presentar a súa dimisión "asumindo a súa responsabilidade e a do seu partido na bancarrota" do goberno local.

A moción saíu adiante e, aínda sen ter consecuencias xurídicas, isto é, sen carácter vinculante, o voceiro nacionalista, Xosé Represas, díxolle ao rexedor que "ten unha última oportunidade para demostrar que aínda lle queda un mínimo de decencia. Polo ben de Ponteareas váiase, señor González".

Mais o rexedor anunciou xa que non procederá desa maneira, di que "por responsabilidade", e insta á oposición a presentar unha moción de censura. Alternativa Ciudadana de Ponteareas, formación independente no seu día escindida das filas do PP, está disposta a facer parte dun novo goberno tripartito --con BNG e PSOE-- para quitar da alcaldía o conservador, ao entender que a situación do municipio é "dramática". Ao igual que o PSOE, cadran na intención de lle ceder a alcaldía a Represas, ao ser o BNG partido máis votado da oposición --con 5 concelleir@s, fronte a@s catro de Acip e @s tres do PSOE--, mais piden "un acordo de mínimos" á hora de fixar o programa de goberno.

González Solla non marchará, a pesar de que no pleno desta quinta quedou claro que seguir no goberno supón facelo sen apoios. "Terá que explicar aos veciños que razón tan poderosa o leva a manterse no goberno sen poder gobernar. A razón só é unha: ao PP non lle importa Ponteareas, prefiren manter o poder a calquera prezo e ocupar o goberno sen poder gobernar con tal de manter cargos e salarios", concluíu Represas.

O acordo entre as tres forzas políticas estaba lonxe hai unhas semanas mais, hoxe en día, perante o risco dunha intervención por parte do estado e coa posibilidade de que o persoal público non poida cobrar o seu salario a partir de novembro, a oposición interpretou o pleno extraordinario desta quinta como un ensaio para a moción de censura, segundo informa a prensa local.

Comentarios