Poñen en coñecemento da Fiscalía presuntos delitos do Goberno local da Baña

Acusan o Executivo local de prevaricación e violación de secretos
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, co equipo de Goberno (Foto: Concello da Baña)
photo_camera O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, co equipo de Goberno (Foto: Concello da Baña)

Os edís na Baña César Ramos e David Gontán (Agrupación independente Compromiso A Baña), acompañados dos xuristas Xoán Antón Pérez Lema e Borxa Colmenero Ferreiro, fixeron entrega na Fiscalía nesta quinta feira, 23 de setembro, de documentación recompilada sobre contratacións realizadas nos últimos dous anos no Concello da Baña e, segundo indican, por ser presuntamente constitutivos de delitos de prevaricación administrativa.

Achegaron tamén probas documentais de posíbel delito de violación de secretos. 

Compromiso xa criticou hai meses atrás o Goberno da Baña (PSOE) polo sistema de contratación "pouco transparente e que non garante a igualdade de oportunidades e as seleccións de persoal que non respectan os principios de mérito e capacidade dos seus aspirantes". 

A Valedora do Pobo xa reprobara o Goberno local pola falta de cumprimento das obrigas de publicidade activa ou de oficio derivadas tanto da lei de contratos do sector público como das leis de transparencia.

O Goberno bañense, que recoñece este incumprimento e tamén a situación irregular de contratos de empresas -que deron lugar a diferentes reparos de legalidade emitidos por intervención-, continúa a día de hoxe, case un ano despois, sen emendar os incumprimentos.

Así o indica Compromiso, que fai entrega na Fiscalía dun informe para que se proceda á apertura de dilixencias informativas.

César Ramos subliñou que levan "multitude de plenos criticando e pedindo información referente á forma de contratar escura e de dubidosa legalidade" do Goberno local, e criticando "as políticas radicalmente parciais e partidistas que levan a cabo para favorecer empresas e xente afín ao PSOE". 

Comentarios