A policía portuguesa agrede unha concelleira do BNG após unha protesta pacífica

Patricia Marinho foi golpeada durante unha protesta pola situación da Plisán durante un acto de irmandade entre Salvaterra e Monção, no que tamén foron identificados Eva González e Xosé Antón Outeiro, todos concelleir@s do Bloque. 

Momento da actuación policial
photo_camera Acción do BNG en Salvaterra.

Na tarde do sábado, 28 de marzo, os tres concelleiros do BNG de Salvaterra do Miño foron retidos e identificados pola policía portuguesa durante un acto de protesta pola situación da Plisán, a Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves. As concelleiras Patricia Marinho Rodríguez e Eva González Pérez e mais o concelleiro Xosé Antón Outeiro González foron agredidos polos servizos de seguridade do acto cando intentaban mostrar unha pancarta de denuncia diante do Conselleiro da Presidencia da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda. 

Os feitos aconteceron durante o acto de irmandade entre os concellos de Salvaterra e Monção, organizado co motivo de conmemorar os vinte de anos da entrada en funcionamento da ponte internacional que une ambas as ribeiras do Miño. A delegación galega estaba encabeza por Alfonso Rueda, conselleiro de Presidencia da Xunta de Galiza e mais polo alcalde de Salvaterra do Miño, Arturo Grandal Vaqueiro, xunto con outros concelleiros e concelleiras desta corporación.
 
No comezo da intervención de Alfonso Rueda, o concelleiro do BNG Xosé Antón Outeiro intentou despregar unha pequena pancarta na que se podía ler 'Plisán = Propaganda Electoral'. Segundo o Bloque, "esta acción desencadeou a reacción dos axentes da policía portuguesa, que agrediron a concelleira Patricia Mariño, afastándoa violentamente do lugar da protesta ata chegaren a arrastrala polo chan, causándolle feridas e contusións polas que tivo que acudir ao centro de saúde. Durante a actuación policial os veciños e veciñas que participaban na protesta responderon á actuación policial berrando “democracia, liberdade”, mentres conselleiro, alcalde e membros da corporación se mantiñan impasibles". 

Segundo o BNG, a "actuación policial, consentida polas autoridades galegas presentes no acto, foi absolutamente desproporcionada, empregando unha violencia innecesaria contra unha protesta pacífica dos veciños e veciñas que denunciaban o uso propagandístico dunha iniciativa empresarial de grande importancia para o desenvolvemento e a creación de postos de traballo na comarca". 

Comentarios