A policía confirma o financiamento ilegal do PP e as adxudicacións públicas do Goberno ás empresas doadoras

Así o sinala o informe entregado pola Unidade contra a delincuencia económica e fiscal (UDEF) da policía española ao xuíz Ruz

Feijóo e Rajoy
photo_camera Feijóo e Rajoy

O informe policial estabelece unha vinculación entre as anotacións recollidas polo ex-tesoureiro do PP, Luís Bárcenas, e as adxudicacións das administracións gobernadas polo Partido Popular. 

As empresas doadoras terían sido adxudicatarias de importantes concesións públicas a empresas --recolle o informe do que se fai eco El Periódico-- nas que "ostentan cargos nos seus consellos de administración" 19 doadores do Partido Popular.

Perto de 8 millóns de euros terían sido identificados pola policía española como parte do entramado de financiamento ilegal do Partido Popular. De acordo coas anotacións desenvolvidas polo ex-tesoureiro popular onde dá conta das ilegalidades no financiamento do partido de Mariano Rajoy, até 19 deses doadores estarían vencellados aos consellos de administración de empresas adxudicatarias de concesións públicas outorgadas polas administracións do PP. As achegas destas persoas á contabilidade do partido ultrapasa os 60.000 euros autorizados legalmente por persoa e doazón, cuestión que remarca o informe policial.

O informe sinala os vínculos entre empresarios doadores e empresas adxudicatarias de concesións públicasque mesmo superan os 500 millóns de euros

"Existe polo tanto unha continuidade entre as entregas en periodos de tempo", afirma o informe policial en relación coa Construtora Hispánica que obtivo en 2001 e 2011 máis de 500 millóns de euros en contratos públicos. O seu dirixente, Alfonso García Pozuelo achegou ás arcas do PP perto de 300 mil euros en concepto de doazón. 

Copasa, Copisa, Aldesa, FCC, Urazca, Rubau, Sando ou Azvi son algunhas das compañías que para a policía confirman a trama de financiación ilegal que o PP mantivo desde hai 20 anos. 

Máis imputacións

No seu informe a unidade policial advirte a Ruz da existencia de novas persoas implicadas no caso mais das que até o momento non poden dar unha identificación certeira e precisa. Estas novas imputacións poderían atinxir tanto ao propio Partido Popular como a novas empresas. 

Até o momento,fican imputados 9 doadores, José Luis Sánchez Domínguez (Grupo Sando); Manuel Contreras Caro (Azvy); Juan Manuel Villar Mir (OHL); Luis de Rivero (Sacyr Vallehermoso); Alfonso García Pozuelo (Construcciones Hispánica); Juan Manuel Fernández (Aldesa); José Mayor Oreja (Construcciones de Fomento e Contratas), Antonio Vilella (Construcciones Rubau) e Pablo Crespo (líder de la trama Gürtel).

Comentarios