A policía, aos Pujol: "Se colaborardes contra a independencia, todo isto rematará axiña"

A policía española ofereceu á familia Pujol impunidade a cambio de non avalaren a aposta independentista do partido fundado polo ex presidente da Generalitat.


Segundo publica o diario El País, o comisario Luis Villarejo mantivo dúas reunións con Josep Pujol Ferrusola, un dos vástagos do líder histórico do nacionalismo catalán. No primeiro encontro, decorrido en febreiro de 2014, o policía díxolle literalmente: "Se colaborardes contra a independencia, todo isto rematará axiña".

El País indica que até catro fontes distintas lle confirmaron a veracidade desta información.

A policía teríalle pedido aos Pujol "porcaría" de Esquerra Republicana

Villarejo díxolle a Josep Pujol o seguinte: "O que temos que facer é parar esta loucura. Téndenos que dar porcaría de Esquerra Republicana. Estades a pór en perigo todo".

De acordo coa versión do fillo de Pujol, Villarejo daba conta das súas investigacións directamente ao chefe de gabinete de Mariano Rajoy, Jorge Moragas.

A familia Pujol mantivo a súa aposta na independencia. No verán de 2014 estourou o escándalo ao trascender movimentos de contas de Marta Ferrusola, a esposa de Jordi Pujol, e de catro dos fillos do ex presidente da Generalitat. En xullo, o fundador de Convergència confesou que tiña diñeiro non declarado a Facenda en Andorra.

Comentarios