A Pokemon quería a deputada Paula Prado na alcaldía de Santiago ''porque é quen nos pecha os acordos''

O sumario tamén implica a deputada, canda o concelleiro de Deportes Adrián Varela, nun posíbel financiamento ilegal da formación conservadora en Compostela.

paulaprado_capa
photo_camera [Imaxe de arquivo: SG]


A deputada do PP no Parlamento galego e actual portavoz da formación conservadora na Galiza, Paula Prado, aparece implicada de cheo no sumario da operación Pokemon, malia que non está imputada.

Segundo as conversas que se fixeron públicas após a xuíza Pilar de Lara levantar o segredo do sumario, a trama corrupta tiña plena confianza na ex concelleira. Así o sinalan gravacións como a da comunicación telefónica que en abril de 2012 mantiveron Ángel Espadas --asesor do alcalde de Compostela naquela altura, Gerardo Conde Roa-- e o xerente de Aquagest na Galiza, Henry Laíño.

''Se --o alcalde-- é Currás, suicidámonos''

Despois da denuncia contra Conde Roa por defraudar Facenda ao non pagar o IVE correspondente á venda de 61 vivendas a través dunha promotora da súa propiedade, Laíño vaticinou que o conservador tería que abandonar a alcaldía. Con todo, non estaba preocupado. "O tema ímolo resolver igual tanto se queda Paula no posto como se queda o outro", dixo, en referencia á deputada e ao actual alcalde, Ángel Currás, tamén imputado na Pokemon. As preferencias de Henry Laíño eran, así e todo, claras: querían Paula Prado na alcaldía porque era ela "quen nos pecha os acordos". 

Sobre quen sucedería Conde Roa tamén especulou Prado noutra conversa telefónica con Ángel Espadas que recollida no sumario. "Só che digo que vexo Reyes de alcaldesa --en referencia á concelleira Reyes Leis-- e acrecentaba que "se é --Ángel-- Currás suicidámonos, eh!".

Prado quería ir contra o PSdG e ''que non quede títere con cabeza''

A actual voceira do PP galego estaba convencida de que as filtracións sobre as irregularidades de Conde Roa viñan das bancadas do PSdG-PSOE e ofreceuse a se inmiscir nos expedientes do concello "para que alí non quede títere con cabeza". Noutra conversa con Espadas, Prado e el pactan procurar por un interventor que non poña reparos aos plans do Goberno municipal de ampliar o contrato con Aquagest sen concurso público. 

Máis gravacións en que aparece o nome da deputada sitúana como interlocutora entre Ángel Espadas e o grupo municipal do PP xa con Ángel Currás na alcaldía. Aliás, estaría tamén implicada nun posíbel financiamento ilegal da formación conservadora en Compostela pois, segundo o sumario, no tempo en que Conde Roa estivo á fronte do concello houbo pagamentos en B. 

Comentarios