O Poder Xudicial avala o dereito do ex político Fernando Blanco a ser indemnizado polas "dilacións" xudiciais

O Consello Xeral do Poder Xudicial vén de emitir un informe no que recoñece que a Xustiza tivo un “funcionamento anormal” na causa aberta contra o ex conselleiro de Innovación e Industria na época do bipartido. Blanco deixou a política após ser imputado pola maxistrada Pilar de Lara.

O ex político Fernando Blanco, no centro, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex político Fernando Blanco, no centro, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O ex deputado e ex conselleiro de Innovación e Industria do BNG na etapa do Goberno bipartito da Xunta, Fernando Blanco, podería recibir unha compensación económica pola causa na que o imputou a xuíza Pilar de Lara hai anos e que rematou sendo arquivada.

Esta sexta feira transcendeu que o Consello Xeral do Poder Xudicial escribiu un documento no que recoñece que a administración xudicial caeu nun “funcionamento anormal” no caso de Fernando Blanco, quen deixou a política activa após verse imputado.

O informe, que foi adiantado por El Progreso, é favorábel á solicitude de Blanco para que se responda patrimonialmente, é dicir, cunha indemnización, polos atrasos que se produciron no arquivo da causa.

O demandante soubo da súa imputación en 2012 e deixou os cargos públicos pero despois loitou desde 2014 para que se arquivase a investigación na 'Operación Campeón'. Malia existir informes policiais que eran favorábeis aos seus intereses estivo afectado durante seis anos.

O seu letrado, Xoán Antón Pérez-Lema, comentou a Europa Press que “desde 2014 había informes que xa apoiaban o arquivo pero mantívose aberta catro anos máis até que a Audiencia Provincial fallou o sobresemento”.

Mais o avogado reclamou a responsabilidade económica, un dereito que “non é habitual” conseguir porque “os procedementos están sostidos sobre a lei procesual”. Pero neste caso De Lara insistiu nun camiño a pesar de que “non había ningún material”.

De feito, a maxistrada foi “sancionada por atrasar neglixentemente ou maliciosamente o inevitábel sobresemento”.

Agora queda saber a que cantidade ten dereito Blanco xa que, mentres a súa defensa demandou algo máis de 232.000 euros, o documento oficial non fai ningunha proposta concreta malia recoñecer que o proceso estivo "infestado de demoras e atrasos inxustificados".

Comentarios