Antón Beiras, avogado e autor da querela contra a Fiscalía e a Axencia Tributaria

Antón Beiras: "Poden amnistiar o rei no Congreso, parece mentira que o Estado o faga desde as cloacas"

A Asemblea Republicana de Vigo, da man do avogado Antón Beiras, querelarase contra a Fiscal Xeral do Estado, Dolores Delgado, e o director xeral da Axencia Tributaria, Jesús Gascón, por un presunto delito de prevaricación na omisión das súas funcións no caso das regularizacións fiscais do rei emérito.
O avogado Antón Beiras Cal (Foto: Cedida).
photo_camera O avogado Antón Beiras Cal (Foto: Cedida).

O rei emérito vén de realizar dúas regularizacións fiscais 'espontáneas' para evitar a apertura dun procedemento penal. Isto sucedería con outros cidadáns?

É unha conduta absolutamente insólita. A Axencia Tributaria o primeiro que fai é notificar a un cidadán a apertura de actuacións inspectoras pola exención dun imposto e nuns períodos de tempo concretos. Até 2014 non era posíbel punilo, mais si debe render contas polo IRPF de 2015 a 2018.

A Axencia Tributaria leva 14 meses con coñecemento das irregularidades fiscais do emérito sen notificar a apertura dunha investigación, presentando informes á Fiscalía, cando o seu deber non é ese, senón formular denuncias. Porque se presenta unha denuncia ante a Fiscalía, esta ten que actuar de oficio e presentar unha querela nun xulgado de instrución.

Estamos a falar, polo tanto, dun trato de favor?

Absolutamente. O dereito a presentar unha declaración complementaria (sempre e cando non se notificase a apertura dunha investigación) convértese nun privilexio cando son a Axencia Tributaria e a Fiscalía quen, após 14 meses, non abren dilixencias. Eu teño clientes na cadea por delitos fiscais de 140.000 euros, e aquí estamos a falar de millóns.

Quen estaría detrás deste modo de proceder das autoridades fiscais?

Se ben a querela se dirixe contra Dolores Delgado e Jesús Gascón, eu estou convencido de que ningún deles se atreve a tomar esa decisión se non é por unha instrución política. Nos Países Baixos, hai un mes, dimitiu o Goberno polo escándalo das prestacións sociais ás persoas migrantes. Aquí? Non dimite ninguén por este escándalo. A ministra de Facenda, se é responsábel, debe dimitir, e se non o é, debe cesar fulminantemente a secretaria de Estado de Facenda, que é de quen depende a Axencia Tributaria.

A lexislación española determina un Goberno presidencialista, e non se fai nada sen o coñecemento e a aprobación do presidente. Da mesma forma que todos sabemos que José Barrionuevo non organizou os GAL a escondidas de Felipe González, isto tamén o ten que saber o presidente Sánchez.

A contorna do emérito pactou coa Fiscalía a súa regularización fiscal?

Isto non se pode demostrar e as querelas non se sosteñen sobre suposicións, mais estou convencido de que a regularización foi pactada coa Axencia Tributaria. Estase a converter nun problema de Estado, e parece mentira que o PSOE, que malia ser un partido amplamente constitucionalista asegura manter unha alma republicana, estea a operar á marxe da lei.

Dentro do marco legal, o Congreso podería amnistiar o emérito alegando os servizos prestados no 23-F, para protexer a Coroa... E a amnistía pode ser previa ao xuízo, vímolo cos policías que cometeran torturas na época de Franco e foron amnistiados sen seren xulgados. Cos votos de PSOE, PP, Cs e Vox teñen unha maioría folgada para aprobala. Tería un custo político para certo sector de votantes socialistas que non o aceptasen, e eu podería escribir un artigo de opinión criticando a decisión, mais non podería querelarme.

Por iso parece mentira que se faga unha amnistía desde as cloacas, pola porta de atrás e cometendo un delito de prevaricación, porque non é preciso que haxa un acto administrativo para incorrer neste malfeito, senón que pode xulgarse por omisión. E a mera inacción da Fiscalía e da Axencia Tributaria son condutas prevaricadoras.

Vai resultar falso iso de que 'Facenda somos todos'.

O imperativo categórico desta querela é a brutalidade coa que se conculcou o principio de igualdade ante a lei, que ten especial intensidade na igualdade ante as obrigas tributarias. Ese é o motivo polo que nos querelamos. Nin eu nin a Asemblea Republicana de Vigo temos nada contra o emérito neste asunto concreto, esta non é unha querela antimonárquica, o único que queremos é pór negro sobre branco e aclarar por que non actuaron dúas das institucións máis poderosas do Estado.

Que suporía que esta querela fose admitida a trámite?

De admitirse, terían que comparecer Dolores Delgado e Jesús Gascón en sede xudicial e indicar quen foron as unidades de inspección e os fiscais concretos que omitiron o deber de notificar a apertura de actuacións inspectoras. E estas dúas institucións non son 20 funcionarios corruptos 'illados', nin unha 'policía patriótica', son dúas institucións cun poder infinito de inxerencia sobre os cidadáns, e que están sometidas ao principio de igualdade e teñen que actuar conforme a lei, sen discriminar ningún cidadán.

En que medida beneficia o emérito a actuación da Fiscalía?

Ao rei agasalláronlle varios millóns de euros. O artigo 305 do Código Penal di que a fraude á Facenda pública sancionarase con multa "do tanto ao séxtuplo". Isto é, con base nos 4,4 millóns que pagou para regularizar a situación, a multa podería ascender a 24 millóns de euros.

Comentarios