Podemos sopesa aliarse con AGE para as municipais

A formación liderada por Pablo Iglesias é consciente do seu défice de estrutura para unha cita a ese nivel, polo que planifica unha alianza con AGE, segundo La Voz de Galicia.

pablo iglesias

A forte irrupción de Podemos nas eleccións europeas vai ter consecuencias e fai da formación liderada por Pablo Iglesias un actor político a ter en conta tamén a uns niveis (municipal) onde hai unhas semanas era impensábel. Cara ás municipais de 2015, Podemos sopesa tecer en Galiza unha alianza con Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), segundo anuncia La Voz de Galicia.

Un paso que Podemos toma consciente de que é este nivel, municipal, onde a súa estrutura está máis feble pois os Círculos -as súas organizacións de base- aínda están en formación. No xornal coruñés mesmo se indica que se a vindeira cita coas urnas fosen as xerais e non as municipais, Podemos non estaría a traballar sobre a posibilidade dunha alianza.

Fronte de esquerdas

Mais o calendario fixa que as eleccións máis próximas, 2015, son as municipais. Podemos non quere un mal resultado após o éxito do 25M. E, aliás, concorrer con AGE en Galiza suporía dar un paso, segundo análise desta formación, para a unidade dunha fronte de esquerdas. Esta aposta non se limita a Galiza, senón que, sempre segundo La Voz, estaría a tomar forma noutros territorios. Así, avalía ir con Compromis en Valencia, a Chunta en Aragón....

A prol desta alianza en Galiza de AGE e Podemos xoga o feito de que Pablo Iglesias é un bo coñecedor da alianza IU e Anova, pois foi asesor de AGE nas eleccións galegas. Ademais, e despois do 25M, voces como a de Beiras ou Martiño Noriega deitaron gabanzas ante a irrupción de Podemos e pronunciáronse como favorábeis á hora de abrir posibilidades de colaboración.

Comentarios