A formación morada será a maioritaria nas bancadas da Marea no Hórreo

Podemos quer máis protagonismo no grupo parlamentar de Catalunya sí que es pot

Non cesan as tensións entre os distintos componentes de Catalunya sí que es pot, a coligazón formada por ICV, Podemos e EUiA. Segundo La Vanguardia, Albano Dante Fachin, secretario xeral do partido morado, até ameazou con rachar o grupo parlamentar se o seu partido non ten máis protagonismo.

Albino Dante e Joan Coscubiela
photo_camera Albino Dante e Joan Coscubiela

A nova lideranza catalá de Podemos quer máis poder no grupo parlamentar de Catalunya sí que es pot e no programa de máximos querería desprazar a Joan Coscubiela (ICV) da súa cadeira como portavoz do grupo parlamentar de CSQEP. No programa de mínimos, conformaríanse con partillar a portavocía.

La Vanguardia afirma que, segundo as súas fontes, Podemos estaría disposto a rachar o grupo parlamentar se ICV non ceder ás súas demandas.

As diferenzas tácticas no seo de CSQEP teñen a ver co procés. Para Podemos, Coscubiela ten unha posición excesivamente belixerante contra o bloco independentista. A diferenza de Coscubiela, Dante e Colau si foron á Diada.

Mais o pano de fondo é a loita polo control do grupo entre os distintos partidos que nel se integran. Podemos argumenta que a súa forza é maioritaria no eleitorado de CSQEP e, porén, isto non se traduce na súa visibilización no Parlament. Dante quer máis protagonismo, en detrimento de Coscubiela.

Como ten informado Sermos Galiza, tensións deste estilo estanse a producir tamén no seo da Marea e mesmo durante a campaña eleitoral. Ao ter copado a maior parte dos postos de saída nas candidaturas da formación que lidera Luís Villares, Podemos será o grupo político hexemónico no seo do futuro grupo parlamentar de En Marea no Hórreo.