Podemos propón a PSOE e Ciudadanos que En Marea teña grupo parlamentar

A secretaria de Análise, Carolina Bescansa, expuxo a vontade do seu partido de que En Marea, En Comú Podem e Compromís-Podemos poidan conformar representación propia.

podemos anova

A secretaria de Programa e Análise Político de Podemos, Carolina Bescansa,trasladou esta terza feira ao PSOE e a Ciudadanos a súa vontade de que as candidaturas de En Marea, En Comú Podem e Compromís poidan conformar os seus propios grupos parlamentarios no Congreso. Bescansa expuxo esta petición nos encontros que mantivo con Antonio Hernando (PSOE) e Miguel Gutiérrez (Ciudadanos), segundo informa a formación que lidera Pablo Iglesias.

As xuntanzas entre os representantes das 3 formacións, no marco da rolda de contactos que está a manter Podemos, decorreu nun ambiente “cordial”, dixo o partido de Pablo Iglesias.

Beiras

Esta terza feira unha delegación de Anova mantivo unha xuntanza en Madrid con Pablo Iglesias, ao igual que horas antes fixera unha representación de Esquerda Unida. Antes da reunión, Xosé Manuel Beiras defendeu que En Marea cumpre cos requisitos para ter grupo de seu no Congreso e advertiu que non vai “tolerar” que se impida por “motivos políticos”.

Preguntado sobre a situación do BNG, Beiras constatou, segundo recollen axencias, que os actuais dirixentes do Bloque levan a esta organización “camiño do inferno” e que vai de “desastre en desastre”. Por iso, suxeriu que as bases do BNG teñen que “rebelarse” contra a súa cúpula, insistindo na idea xa expresada este domingo na entrevista con SER-Galiza. Tamén lembrou Beiras que el fai parte da ·”historia” do BNG polo que “nunca” atacará os membros da fronte nacionalista.

Comentarios